Nova: A Cidade da Cultura lanza unha liña de actividades ao redor das exposicións do Museo Gaiás con propostas de teatro inmersivo ou un ‘escape room’

08/10/2025

A Cidade da Cultura lanza unha liña de actividades ao redor das exposicións do Museo Gaiás con propostas de teatro inmersivo ou un ‘escape room’

Baixo o título Gaiás_Inspira, englóbanse propostas innovadoras para todos os públicos que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación, ao xogo e á aprendizaxe compartida

O ciclo arranca coa proposta teatral Castelao e Savelev: olladas converxentes, unha obra na que a sala de exposicións se converte en espazo escénico e onde o desprazamento e participación do público é parte da peza

No mes de novembro haberá escape room para público xuvenil e familiar no que resolver enigmas ao redor da figura de Castelao

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

A Cidade da Cultura de Galicia inaugura este outono unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás. Baixo o título Gaiás_Inspira, engloba así propostas innovadoras dirixidas tanto a público adulto como infantil e xuvenil, que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público, ao xogo e á aprendizaxe compartida, e que inclúen desde teatro inmersivo a visitas especiais ou unha xincana en formato escape room.

A primeira das actividades coa que arrinca esta nova proposta da Cidade da Cultura será Castelao e Savelev: olladas converxentes, unha creación escénica de Oístes? Teatro en coprodución con Teatro En Punto, que presenta unha obra inmersiva deseñada especificamente para o segundo andar do Museo Centro Gaiás, onde neste momento se están a exhibir as exposicións Castelao. Mirar por Galicia e Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar.

Cun elenco composto por Tyler McKechnie e Gloria Rico, esta peza semi-improvisada inspírase nas vidas e obras do artista e intelectual de Rianxo e do fotógrafo ucraíno, máis próximas do que poidan semellar grazas aos seus trazos atemporais e universais. Durante as funcións, o público móvese libremente, véndose mergullado nunha acción dramática que se desenvolve en paralelo e simultaneamente en distintos puntos da sala, dando vida ao contido expositivo ao integrar teatro e museo nun formato non convencional.

Castelao e Savelev: olladas converxentes programa cinco funcións os días 18, 19, 25 e 26 de outubro e 2 de novembro no Museo Centro Gaiás. A asistencia é gratuíta, previa reserva de praza a través da páxina web da Cidade da Cultura.

Outras actividades

A exposición Castelao. Mirar por Galicia será tamén a protagonista dunha xincana de enigmas en formato escape room que a Cidade da Cultura programará no vindeiro mes de novembro, dirixida a público xuvenil e familiar. A liña de programación Gaiás_inspira sumará proximamente outras propostas que serán deseñadas de maneira específica para cada unha das mostras incluídas na programación do Museo.

Estas actividades ao redor das exposicións súmanse ao programa de visitas guiadas regulares que o Museo Centro Gaiás ofrece de balde para público xeral, así como ao seu programa didáctico, con contidos adaptados ás visitas escolares dos diferentes niveis educativos.

Comparte