Nova: A Xunta colabora no ‘SiSONS Enclave Musical’ como espazo de encontro e difusión para a industria do sector e de toda a cidadanía

07/10/2025

A Xunta colabora no ‘SiSONS Enclave Musical’ como espazo de encontro e difusión para a industria do sector e de toda a cidadanía

A quinta edición deste certame desenvolverase do 15 ao 18 de outubro en diferentes espazos de Santiago de Compostela con actividades profesionais e concertos

Bala, Exeria, De Ninghures, Lenda Ártabra, Fiandola ou Coanhadeira son os protagonistas dalgunhas das actuacións previstas

O Goberno galego impulsa así o seu apoio á creación musical galega e á promoción do noso idioma

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2025

 A Xunta de Galicia reforza o seu compromiso coa creación musical e coa difusión da lingua galega mediante o impulso ao SiSONS Enclave Musical, un encontro que ofrece do 10 ao 18 de outubro en Santiago de Compostela catro xornadas de showcases, mesas profesionais e 12 concertos, moitos deles abertos ao público.

A quinta edición do festival presentouse hoxe no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron en representación do Goberno galego o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañando a responsables do resto de entidades implicadas neste evento organizado pola empresa MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro.

Durante a súa intervención, Valentín García puxo en valor a participación nesta cita de grupos galegos, “acorde co bo momento que está a vivir a música galega e en galego” o que, segundo salientou, “serve para aumentar o prestixio da nosa lingua e de referente para as xeracións máis novas, dándolle pulo a un maior uso do noso idioma por parte da mocidade”.

Pola súa banda, Jacobo Sutil fixo fincapé compromiso do Goberno galego co desenvolvemento e consolidación do SiSONS Enclave Musical, un proxecto que se sitúa na mesma dinámica de proxección musical en todas as súas vertentes que outras accións tamén apoiadas pla Xunta, como Maré PRO, as delegación galega na Fira Mediterrània de Manresa, a participación no encontro estatal AIEnRuta Artistas ou a liña de subvencións á distribución exterior. Tamén enxalzou este tipo de iniciativas para o fomento e a colaboración entre axentes culturais e a difusión da música galega contemporánea nun contexto plural e participativo.

Actividades profesionais e concertos de balde

A quinta edición de SiSONS desenvolverase do 15 ao 18 de outubro en distintos espazos da cidade —Casa das Máquinas, salas Borriquita de Belém e Riquela, parque de Bonaval, pazo de San Roque, Sala Capitol e sede da fundación Sociedad General de Autores y Editores  cun formato que combina actividades profesionais e programación aberta a toda a cidadanía.

As xornadas profesionais, que se celebrarán entre o mércores 15 e o venres 17, incluirán paneis sobre dereitos de autor, apoios á industria musical e festivais internacionais. Nestes encontros participarán representantes da Sociedad General de Autores y Editores, da Asociación Española de Editoras de Música, da Asociación Cultural Coordinadora Estatal de Salas Privadas de Música en Directo, da Asociació Professional de Representants, Promotors i Mànagers de Catalunya, de Esmerarte Industrias Creativas, TaxMM, da Oficina Europa Creativa Cultura, do Centro de Coordinación de Industrias Culturais e do Instituto Cubano da Música. Ademais, haberá espazos de networking, presentacións de proxectos e roldas profesionais de pitching.

 O programa artístico confórmano as sete propostas seleccionadas para os showcases: Kreze, Francisco Moreira, Crúas, Melón Jiménez e Lara Wong, Neval, Aksak e os concertos de SeKadra e Leni Pérez, Bala + Acouga + Adhara&Ritman, Exeria + Billy Flamingos + De Ninghures. Estes dous últimos, os días 16 e 17, con localidades á venda para a Sala Capitol. Ademais, desde Extremadura, e grazas á colaboración coas Jornadas Profesionales de Música desta Comunidade, chegarán KMKR e Alexia.

Pechan a programación as bandas Lenda Ártabra, Fiandola, Coanhadeira e Maghúa que actuarán o sábado 18 no escenario do Parque de Bonaval, nunha xornada con acceso de balde desde ás 13,00 horas.

Dende a súa creación en 2016, SiSONS Enclave Musical consolidouse como un proxecto singular dentro do panorama cultural galego, cun formato híbrido no que a vertente industrial se completa coa divulgativa. Tamén destaca na súa aposta pola igualdade, a inclusión e a sustentabilidade, así como polo seu compromiso coa lingua galega e coa innovación artística.

 

Comparte