Nova: A Xunta de Galicia incrementa o seu convenio anual coa feira Culturgal ata os 90.000 euros

06/10/2025
A Xunta de Galicia incrementa o seu convenio anual coa feira Culturgal ata os 90.000 euros
- O Consello aproba a colaboración coa asociación homónima para a organización da 18ª edición do encontro, cun incremento do 5,8% respecto a 2024
- A Administración autonómica é a principal entidade financiadora do evento, que terá lugar do 28 ao 30 de novembro en Pontevedra
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025.- O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio anual coa Asociación Culturgal por importe de 90.000 euros para a organización da 18ª edición da feira homónima, que terá lugar do 28 ao 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Esta achega supón un incremento do 5,8% respecto aos 85.000 euros consignados en 2024, mantendo así a progresiva tendencia á alza desta colaboración económica en consonancia co propio crecemento do evento.
A Xunta de Galicia repite un ano máis como a principal entidade financiadora desta feira, á que apoia desde as súas orixes e á que tamén contribúe en cada nova edición mediante a organización directa de diferentes actividades tanto no expositor institucional como noutros espazos do recinto.
O compromiso do Goberno galego con este encontro de referencia para a cultura galega responde ao seu papel como o único evento de Galicia aberto a todo o sector e aos seus públicos. Así, a Feira das Culturas Galegas Culturgal funciona como escaparate de difusión dos produtos e servizos culturais cara á cidadanía, pero tamén como oferta cultural e lúdica de concertos, representacións escénicas, proxeccións audiovisuais, sinatura de libros ou coloquios, entre outras actividades.
Ademais, coa posta en marcha en 2023 do Culturgal Expandido, a feira descentraliza as súas actividades nas semanas previas á súa celebración para chegar ao público doutros puntos de Galicia. En 2025, Ribeira toma o testemuño de Arzúa (2024) e Vigo (2023).
Culturgal é o proxecto cultural galego coa rede máis ampla de colaboradores asociativos e empresarias implicados na súa organización, que corre a cargo da Asociación Culturgal. O colectivo, que se atopa en pleno proceso de renovación cara á súa próxima ampliación, está integrado na actualidade pola Asociación Galega de Editoras, Punto.gal, Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e EspazoCoop.