Nova: López Campos asiste na Estrada á quinta edición do festival de danza contemporánea 6coreógrafas

04/10/2025
López Campos asiste na Estrada á quinta edición do festival de danza contemporánea 6coreógrafas
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude acode este mediodía á sesión de ‘soundpainting’ ofrecida por Alfonso Medina no Novo Mercado, con danza e música en directo nun formato de improvisación a tempo real
O encontro, organizado co apoio da Xunta de Galicia, ofrece na xornada de tarde outras catro pezas curtas a cargo doutras tantas formacións galegas
A Estrada (Pontevedra), 4 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu hoxe a unha das sesións do festival 6coreógrafas, que se desenvolve desde onte na Estrada. O Concello estradense e a bailarina e coreógrafa Paula Quintas organizan este encontro arredor da danza contemporánea e as artes do movemento, que na súa quinta edición volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia.
Nesta nova entrega do festival, a vila pontevedresa está a ser o lugar de referencia para a formación, o diálogo e a descuberta do actual panorama coreográfico en Galicia a través de representacións, relatorios e obradoiros para todos os públicos.
Así, o titular de Cultura do Goberno Galego sumouse ao público que congregou no Novo Mercado o espectáculo de soundpainting ofrecido por Alfonso Medina e consistente nunha acción de improvisación a tempo real con danza e música en directo. As actuacións continuarán xa pola tarde na Alameda, que se converterá en escenario para catro pezas de rúa a cargo doutras tantas formacións artísticas galegas.
Estrea de ‘Diz-me meu amor’
A primeira destas citas terá lugar ás 18,30 h. coa estrea de Diz-me meu amor, na que as creadoras Raquel Ferradás e María de Vicente homenaxean todas as formas de amor posible entre mulleres. A continuación, Alba Cotelo presentará o seu solo Monte, que tende pontes entre Galicia e Cuba, mentres que Cris Vilariño e Diego Buceta escenificarán WTF!, unha mestura de xogo e movemento arredor da historia de dúas criaturas extraterrestres. A xornada pecharase coa proposta galego-portuguesa Alleo, da compañía Colectivo Glovo, que desenvolve desde a danza a idea das antigas atalaias.
O festival 6coreógrafas arrancou onte na Casa das Letras cunha das conversas do ciclo itinerante Entre formas e palabras, organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza co obxectivo de impulsar o talento e a profesionalización do sector. Neste caso, o faladoiro correu a cargo das coreógrafas e bailarinas Rut Balbís e Paloma Muñoz, quen abordaron o proceso creativo no seu ámbito artístico.
Pola súa banda, iXa Danza protagonizou o correspondente showcase coa súa peza Ollos cara adentro, que presenta esta mesma tarde na 33.ª Quinzena de Dança de Almada International Dance Festival de Portugal como parte do novo programa Foco Galicia Danza, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para impulsar a presenza e a visibilidade dos espectáculos e profesionais do sector en eventos estratéxicos de alcance internacional.
Esta quinta edición de 6coreógrafas inclúe, así mesmo, os obradoiros Corpos en acción, ofrecido esta mañá por Raquel Ferradás no Museo MOME, e Xogos en movemento, que impartirá Arturo Cobas o vindeiro 11 de outubro como extensión ao programa deste ano.