Nova: O Foro Internacional ‘Territorios Patrimonio’ súmase ao impulso da Ribeira Sacra na recta final da súa candidatura a Patrimonio Mundial pola Unesco

03/10/2025

O Foro Internacional ‘Territorios Patrimonio’ súmase ao impulso da Ribeira Sacra na recta final da súa candidatura a Patrimonio Mundial pola Unesco

O Parador de Monforte de Lemos acollerá, os días 28 e 29 de outubro, a novena edición das xornadas, que contan co apoio da Xunta de Galicia

As institucións, asociacións e empresas participantes abordarán novas formas e oportunidades de dinamizar este territorio, á vez que os seus retos actuais e futuros

Monforte de Lemos (Lugo), 3 outubro de 2025

O Foro internacional Territorios Patrimonio súmase ao impulso á candidatura da Ribeira Sacra para ser Patrimonio Mundial, que entrou xa na súa recta final. Con este propósito, centrarán nela a nova edición desta cita que se celebrará, co apoio da Xunta de Galicia, os días 28 e 29 de outubro, no parador de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo.

O IX Foro Territorios Patrimonio organízase este ano baixo o lema Un Patrimonio para habitar e porá o acento na necesidade de interpretar o patrimonio non só como un legado do pasado, senón tamén como un ben vivo que se comparte, se transforma e se proxecta cara ao futuro. Precisamente, o congreso entende estes valores como afíns á candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga, cuxa resolución definitiva por parte da Unesco está prevista para xuño de 2026.

Deste xeito, durante estas dúas xornadas, as institucións, asociacións e empresas participantes analizarán e afondarán nos retos e oportunidades deste territorio, que abrangue 26 municipios de Lugo e Ourense, co obxecto de darlle pulo á candidatura. Con este obxectivo, a programación xirará ao redor do patrimonio, turismo sustentable, a paisaxe, a auga e o viño como eixes identitarios da Ribeira Sacra.

Neste contexto, as diferentes mesas e encontros crearán espazos de diálogo para ofrecer ferramentas de traballo, formación e promoción para os axentes locais, representantes institucionais e traballadores de empresas de cultura e turismo do territorio. Ademais, esta cita conectará a Ribeira Sacra con outros territorios Patrimonio da Humanidade, a través de profesionais e expertos internacionais que coñecen de primeira man os retos que implica este recoñecemento.

As inscricións para asistir aos encontros son de balde e estarán dispoñibles na páxina web do IX Foro Territorios Patrimonio.

Sobre o Foro internacional ‘Territorios e Patrimonio’

O Foro internacional Territorios Patrimonio naceu en 2018 como ferramenta para promover e conservar o patrimonio da Ribeira Sacra, mediante debates e conversas que difunden de xeito responsable a riqueza do territorio.

Ao longo da súa traxectoria, este congreso contou coa participación de representantes de países como Francia, Italia, A Arxentina e Portugal, así como coa presenza de organismos e institucións de referencia en todo o Estado, entre eles o Consello Internacional de Monumentos e Sitios – Icomos, organización internacional non gobernamental asociada á Unesco.

Comparte