Nova: A Xunta colabora con 22 proxectos editoriais para favorecer o acceso universal á lectura

05/10/2025
A Xunta colabora con 22 proxectos editoriais para favorecer o acceso universal á lectura
- A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude adxudica a liña de axudas enmarcada nos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia
- A convocatoria apoia a edición de 19 audiolibros e tres libros de lectura fácil
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2025.- A Xunta de Galicia colabora con 22 proxectos editoriais para favorecer o acceso universal á lectura e a creación literaria a través das subvencións para a edición de audiolibros e libros de lectura fácil. Así se recolle na resolución desta liña de axudas con carácter plurianual para 2025 e 2026 que acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia.
O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é apoiar ao sector editorial nos gastos derivados da produción, distribución e comercialización das publicacións en galego, ademais de incentivar a produción de libros, que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á cultura, a través da posta no mercado de audiolibros e de libros en lectura fácil. Trátase dunha medida enmarcada nos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada o pasado ano para favorecer a eliminación de barreiras físicas, cognitivas, sociais ou territoriais.
En concreto, nesta convocatoria apóiase a creación de 19 audiolibros que contan cunha achega de ata 5.000€. Así, a empresa editora Cinemar Books impulsará os audiolibros de Formigas nos pés, Pecados veniais, O que non sabías, Agora que cala a noite e DES A MAR ultrasónico. A Editorial Galaxia, pola súa banda, fará o mesmo coas obras RUNRÚN, Contos gringos, Son coma graciares os barcos de aceiro, Os mortos que amei e BIRKEN e a editorial Técnicas&Gramaxe editará O último caseiro, O Meigallo dos soños, Fuxir da proxeria e Mama sorrí sempre. A adxudicación complétase coas obras Simun, Love me Tender. 24 pezas mínimas para unha caixa de música, Diarios 1. Azul Monforte e Camuflaxe e coa obra Tras do ceo de Edicións Xerais
No campo da edición de libros en lectura fácil os beneficiarios son a obra Madriña de Mundo detrás del marco e as obras Lúa e Bal cultivan a horta e Os Balbinos na granxa de Técnicas & Gramaxe.