Nova: O Museo do Mar de Galicia pecha a mostra ‘Viquingos. Unha ollada desde Galicia’ tras recibir 15.000 visitas

04/10/2025

O Museo do Mar de Galicia pecha a mostra ‘Viquingos. Unha ollada desde Galicia’ tras recibir 15.000 visitas

  • O proxecto que afonda no legado dos pobos viquingos na nosa cultura incluía 75 pezas procedentes de museos de Suecia, Galicia e Andalucía
  • Esta iniciativa naceu como extensión de ‘Unha vida viquinga’, exposición que atraeu máis de 60.000 visitas ao Museo Centro Gaiás

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acaba de pechar a exposición Viquingos. Unha ollada desde Galicia tras recibir 15.000 visitas. Trátase dun proxecto expositivo con carácter internacional que, desde o pasado mes de xuño, permitiu ao público descubrir a pegada que deixaron na nosa cultura as incursións dos pobos nórdicos ao longo da Idade Media.

Neste marco, a mostra contou con 75 pezas procedentes de 11 museos e institucións de Suecia, Galicia e Andalucía a través dos cales se retrata a forma de vivir no noso territorio na altura en que chegaron as invasións dos pobos nórdicos e os costumes da sociedade viquinga —cunha idiosincrasia que vai moito máis alá da imaxe violenta que habita no imaxinario colectivo— e se debulla o contexto histórico da contorna peninsular, dominada naquela época polo esplendor que os califatos musulmáns viviron nos territorios da antiga Al-Ándalus.

Moedas, lámpadas e ferramentas procedentes de Andalucía actuaron así de pano de fondo para os obxectos cedidos por institucións galegas como o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo Arqueolóxico de Ourense, o Museo da Catedral de Santiago ou a Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Estes fondos, no seu contexto, serviron para conformar unha idea clara de como era a vida en Galicia naquela altura, ao carón de utensilios, xoias e armas procedentes do Museo de Gotland, centro sueco de referencia internacional no estudo da cultura viquinga.

Así mesmo, o Museo do Mar de Galicia contou para esta exposición con outras pezas singulares como a recreación de gran parte dun navío viquingo realizado en pezas de cartón polo estudio galego Cenlitros a partir dos exemplares conservados no Museo de Barcos Viquingos de Roskilde (Dinamarca) ou catro pezas audiovisuais animadas con ilustracións de David Rubín, un dos autores galegos de banda deseñadas con maior proxección internacional. Nestas fitas, Rubín achegou elementos diversos da cultura e da mitoloxía viquinga.

Cultura accesible

Viquingos. Unha ollada desde Galicia dá continuidade a Unha vida viquinga, exposición que o Museo Centro Gaiás acolleu no segundo semestre de 2024 e que atraeu máis de 60.000 visitas. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con proxectos como a mostra no Museo de Mar, continúa a promover a circulación de exposicións que agroman no Gaiás por outros puntos da xeografía galega para facer a cultura accesible a toda a poboación. O centro vigués explorou a senda aberta por Unha vida viquinga cunha proposta expositiva propia que brinda ao público unha perspectiva diferente e anovadora.  

Comparte