Nova: A Xunta e Galaxia presentan o ensaio ‘Ser humanos’, gañador do premio Ramón Piñeiro 2024

03/10/2025
A Xunta e Galaxia presentan o ensaio ‘Ser humanos’, gañador do premio Ramón Piñeiro 2024
O secretario xeral da Lingua gaba o traballo da autora, Pilar Casal, polo seu “espírito crítico que convida ao debate e reflexión” sobre as novas tecnoloxías
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalza o certame como “referente da divulgación crítica, amena e de calidade, e en galego”
A convocatoria da nova edición está aberta ata o 15 de novembro, aínda que a obra distinguida non se dará a coñecer ata decembro
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García participou hoxe na presentación de Ser humanos, de Pilar Casal, coa que acadou o XXIII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, convocado pola Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou o galardón como “referente da creación e a divulgación crítica, amena e de calidade de temas de actualidade”, ademais de salientar o emprego “do galego como lingua de divulgación”. No caso concreto da obra gañadora desta edición, destacou a súa capacidade de “abrir o debate, diálogo e reflexión sobre un tema tan actual como é o noso papel individual e social no mundo globalizado e interconectado no que convivimos”.
Ao respecto, Valentín García compartiu co xurado, composto por Grial Parga, Rocío Carolo, Marta Neira, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, o “alto valor desta obra” polo “carácter actual e humanista, nunha sociedade na que nos é imprescindible a convivencia coas novas tecnoloxías". Así mesmo, gabou a achega deste ensaio por “apoiarse en textos de autoridades diversas, desde os máis clásicos ata os máis actuais”. Ademais, amosouse convencido de que, a raíz deste traballo, “abrirase un diálogo frutífero respecto ás novas tecnoloxías e desde un tratamento tan necesario como é a transversalidade”.
En canto á autora gañadora, Pilar Casal, é funcionaria de profesión, licenciada en dereito e ten colaborado con diversas iniciativas de creación en materia de artes vivas. Ademais, é filla de Benxamín Casal, galeguista histórico, director da Editorial Galaxia e unha figura central do galeguismo.
Nova convocatoria
Cómpre lembrar que a nova edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio xa está convocada. Poderán presentarse traballos ata o 15 de novembro, aínda que a decisión do xurado darase a coñecer no mes de decembro. Os orixinais deben ser inéditos e escritos en lingua galega, ademais o autor ou autora non pode ter sido distinguidos nas últimas cinco convocatorias do certame.
O Premio, que vai xa pola súa vixésimo quinta edición, convócase a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio.
Neste senso, o certame acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria deste intelectual, figura central do galeguismo, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.