Nova: A Xunta inicia a auditoría técnica de 47 escenarios que integran a Rede Galega de Teatros e Auditorios para mellorar as condicións de uso de artistas e público

02/10/2025

A Xunta inicia a auditoría técnica de 47 escenarios que integran a Rede Galega de Teatros e Auditorios para mellorar as condicións de uso de artistas e público

Desenvolverase entre os meses de outubro e novembro para acadar un inventario actualizado das dotacións en materiais e de persoal de cada espazo

Tamén se especificarán as intervencións de accesibilidade e de seguridade para profesionais e público

Será a primeira vez na que se obteña un documento coordinado e de tanto alcance neste ámbito, como base do futuro Plan para modernizar as infraestruturas

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha unha auditoría técnica que abranguerá a inspección de 47 espazos membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios co obxectivo de acadar un inventario completo e actualizado de materiais e medios humanos dedicados a cada escenario. O obxectivo é que o documento resultante sirva de base para o futuro Plan de modernización das infraestruturas culturais e a progresiva adecuación ás últimas normativas de accesibilidade e seguridade.

Deste xeito, un equipo especializado está xa a realizar visitas presenciais a cada un dos espazos para recompilar e sistematizar toda a información necesaria. Os traballos culminarán coa elaboración de informes individuais que especifiquen os elementos de iluminación, son e maquinaria cos que se conte, así como seu estado de uso. Tamén se estimará o persoal especialista destinado e a dotación das estancias dedicadas a camerinos e patios de butacas.

Ademais, incluirase unha valoración final na que, dun xeito máis cualitativo, se reflictan obrigas ou suxestións de mellora de cara a que os escenarios membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o principal circuíto de distribución de artes escénicas de carácter profesional de Galicia, garantan as mellores condicións para que artistas e persoal desenvolvan cadansúas actividades.

Diversidade de escenarios

A listaxe de espazos auditados comprende os 46 membros actuais da Rede nas catro provincias, ademais da Casa de Cultura de Outes, que ten prevista a súa incorporación en 2026. Figuran, así, tanto edificios centenarios, como son o Teatro Principal de Ourense, o Rosalía da Coruña, o Principal de Santiago de Compostela ou o Teatro da Beneficencia de Ortigueira, con outros de recente construción, como é o caso do Auditorio do Grove.

Completan esta relación, na provincia da Coruña o Auditorio Baldomero Cores de Cee, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Centro Cívico Cultural de Arteixo, o Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros, o Auditorio Cine Alovi das Pontes de García Rodríguez, o Auditorio Municipal de Cedeira, o Pazo da Cultura e o Auditorio Municipal de Narón, a Aula de Cultura de Betanzos, as casas de cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, en Ames; o Pazo da Cultura de Carballo, o Centro Cultural e Xuvenil de Muros, a Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada, o Auditorio Municipal de Negreira, a Casa da Cultura Ramón Martínez de Boiro e o Fórum Metropolitano da cidade da Coruña.

En Lugo capital visitarase o Auditorio Municipal Gustavo Freire e, no resto da provincia, o Hernán Naval de Ribadeo, a Casa da Cultura de Burela, o Edificio Multiúsos de Monforte, a Sala Bahía de Foz e o Teatro Pastor Díaz de Viveiro.

No caso de Ourense, xunto ao Teatro Principal da cidade das Burgas figuran o Centro Cultural Avenida da Rúa, o Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e o Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño.

Pola súa banda, na provincia de Pontevedra completan o circuíto o Auditorio Municipal de Vigo, o Lois Tobío de Gondomar, o Reveriano Soutullo de Ponteareas, o Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, o Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados, o Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o Multiúsos da Xunqueira de Redondela, o Auditorio Municipal de Tomiño, o Salón Teatro de Lalín, o Teatro Municipal de Tui, o Teatro Principal da Estrada e mais o Pazo da Cultura e o Teatro Principal de Pontevedra capital.

Tres décadas en 2026

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, constituída en 1996 con oito escenarios fundadores, celebrará o vindeiro ano 2026 o seu 30º aniversario consolidada como o principal circuíto para a exhibición escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade na súa programación habitual. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coordina toda a carteleira, que se desenvolve anualmente en dous períodos semestrais, e é tamén unha das súas encomendas comprobar e velar polo bo estado da infraestrutura técnica dos espazos. Estes teñen a responsabilidade do coidado e mantemento de cada recinto.

Neste 2025 conta cun orzamento de máis de 2 M€, que achegan a Xunta e as entidades locais asociadas para programar 560 funcións de artes escénicas e musicais de 198 formacións en 43 concellos das catro provincias. Este investimento destínase integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte, co que se constitúe un mercado determinante para a distribución interior dos espectáculos producidos en Galicia.

Comparte