Nova: A delegación da Xunta en Lugo acolle este sábado unhas xornadas divulgativas sobre arqueoloxía lucense abertas a todo o público

01/10/2025

A delegación da Xunta en Lugo acolle este sábado unhas xornadas divulgativas sobre arqueoloxía lucense abertas a todo o público

O delegado territorial, Javier Arias, animou á cidadanía a acudir para coñecer os últimos avances na investigación dos xacementos máis importantes da provincia da man dos arqueólogos que dirixiron as intervencións

Lugo, 1 de outubro de 2025

 A Delegación da Xunta en Lugo acollerá este sábado, 4 de outubro, as I Xornadas Pedagóxicas de Arqueoloxía Lucense, organizadas polo departamento territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dirixidas ao público en xeral, con acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

O delegado territorial, Javier Arias, animou aos lucenses a acudir a esta actividade, que pretende divulgar entre a cidadanía os últimos avances na investigación, conservación e posta en valor do importante patrimonio arqueolóxico que atesoura a provincia.

Os relatores destas xornadas serán os propios arqueólogos directores dalgunhas das intervencións máis destacadas que se levaron a cabo nos últimos anos en diferentes xacementos lucenses, cuxa cronoloxía abrangue desde época paleolítica ata o medievo, pasando polo mundo dos castros e a dominación romana.

Programa

As xornadas comezarán ás 9:30 horas e a mañá estará dedicada a elementos patrimoniais datados entre o Paleolítico e a Idade de Ferro. Abrirán o programa as conferencias do catedrático de Prehistoria Ramón Fábregas (ás 10,00 horas) e a profesora de Arqueoloxía María Pilar Prieto (10,45 h.), ambos da Universidade de Santiago de Compostela, que falarán respectivamente sobre as primeiras pegadas humanas nas terras lucenses e o Corro dos Mouros de Adai, no municipio de Lugo.

Ás 12,00 horas, o arqueólogo Benito Vilas e a restauradora Alba Losada informarán sobre as últimas campañas acometidas no xacemento de Penas do Castelo (A Pobra de Brollón). A partir das 12,45 h., Emilio Ramil referirase ás intervencións no castro de Saa (A Pastoriza).

Durante a tarde porase o foco no período entre a romanización e o medievo. Ás 16:00 horas, os expertos Yolanda Álvarez e Luis F. López centrarán a súa intervención no castro do Teso da Ermida (Navia de Suarna). O último tamén acompañará a Brais Currás, científico do CSIC, na seguinte sesión -a partir das 16,45 - acerca do Monte Cido e o poboamento dos montes do Courel no tempo de Roma.

O xacemento de Proendos (Sober) protagonizará a seguinte charla, ás 17,30 horas, a cargo de Francisco Alonso.

Por último, ás 18,15 h pechará as xornadas Roberto Bartolomé Abraira, que afondará nos estudos preliminares realizados na Igrexa de Santa Eulalia de Esperante (Lugo), onde os traballos impulsados recentemente pola Xunta sacaron á luz unha ventá cunha tipoloxía que corresponde co prerrománico asturiano. Esta charla substitúe á que estaba programada inicialmente sobre o xacemento do Preguntoiro (Pantón), xa que o relator no pode acudir este sábado debido a un imprevisto.

Comparte