Nova: Carmen V. Valiña gaña o Premio Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta polo seu impulso da lingua

01/10/2025

Carmen V. Valiña gaña o Premio Narrativa Breve Repsol co que colabora a Xunta polo seu impulso da lingua

O xurado valorou a habilidade da autora para “mergullarnos nun xogo de espellos temporais entre o pasado e o presente que nos sitúa na simbólica illa de San Simón”

A escritora participou na Residencia Literaria Illa de San Simón e na do Gaiás, organizadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Valentín García enxalza “o prestixio e importante contribución no fomento da lectura en galego” deste galardón

Nesta convocatoria presentáronse 43 escritos orixinais, que se suman aos 600 desde a súa creación en 2006 

O recoñecemento está dotado con 12.000€ e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia

Santiago de Compostela, 1 de outubro 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, enxalzou hoxe “o prestixio e importante contribución no fomento da lectura en galego” do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega, cuxa gañadora desta XIX edición resultou ser Carmen V. Valiña coa obra A illa que supuraba sangue, tal e como se anunciou nun acto celebrado en Vigo, cidade elixida con motivo do 75º aniversario da Editorial Galaxia que cada ano publica a obra distinguida.

Así, o representante da Xunta lembrou que o Goberno galego “leva apoiando este certame desde o seu nacemento en 2006 pola promoción que fai de novos escritores na nosa lingua e a creación dun público lector con moita fidelidade”. Neste senso, cómpre destacar que na convocatoria participaron ao longo destes anos case 600 obras orixinais de escritores e escritoras galegas. Nesta edición foron 43 os escritos inéditos presentados.

Valentín García felicitou á premiada pola súa novela e “o seu compromiso coa creación literaria en galego, fomentando o seu uso social”. Pola súa banda o xurado valorou a habilitade da escritora “para nos mergullar nun xogo de espellos temporais que dunha banda nos traslada aos difíciles días da inmediata posguerra e ao mundo dos represaliados e, doutra parte, sitúanos nun presente convulso coa simbólica illa de San Simón como escenario”, considerándoa así merecedora dun galardón dotado con 12.000 € e a publicación do libro por parte da Editorial Galaxia.

No acto participaron, ademais, a xerente de Relacións Institucionais de Fundación Repsol, Mercedes Gómez Badiola, e o director xeral da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo.

Sobre a gañadora

Carmen V. Valiña (Baio, A Coruña, 1985) é doutora en Historia Contemporánea, profesora na Universidade Europea Miguel de Cervantes e creadora  e directora de PeriFéricas, Escola de feminismos alternativos.

Combina a investigación sobre a memoria das mulleres anónimas dos séculos XIX e XX cunha vertente como escritora de ficción onde as lembranzas, o mundo rural e a autobiografía teñen un peso notable. Escribiu e publicou sobre xornalistas españolas en Oriente Medio e sobre as emigrantes da Terra de Soneira en Suíza, pero dende 2021 especializouse nas historias das mulleres internas do Hospital Psiquiátrico de Conxo. Froito dese traballo é o seu ensaio As tolas que non o eran (2025, Galaxia).

En 2024 participou na residencia Mariñán de Literatura e Pensamento e na Residencia Literaria da Illa de San Simón, posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e neste ano foi unha das autoras seleccionadas para a V Residencia Literaria da Cidade da Cultura

Case 20 anos impulsando literatura en galego

O Premio Narrativa Breve foi creado no ano 2006 polo Complexo Industrial de Repsol da Coruña e vertebrado de forma conxunta coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, co obxectivo de fomentar a cultura e a lingua galega. No 2010, a Fundación Repsol toma a substitución no impulso do certame, que, desde o seu inicio, conta co apoio da Real Academia Galega e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como coa estreita colaboración da Editorial Galaxia, que editou as anteriores obras gañadoras.

O xurado desta edición estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas: o director de Edicións da Galaxia, Marcos Calveiro; o escritor e gañador da XVII edición do Premio Narrativa Breve Repsol, Fran Fernández Davila; a arquiveira e membro da Comisión Executiva da Real Academia Galega, Dolores Sánchez Palomino; o tamén crítico literario, Armando Requeixo Cuba, e a escritora e docente nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, María Álvarez Landesa.

Comparte