Nova: Ana Ortiz anima aos vigueses a asistir á terceira edición do festival Musicav en Vigo que chega con novo escenario e unha xornada máis de concertos

01/10/2025

Ana Ortiz anima aos vigueses a asistir á terceira edición do festival Musicav en Vigo que chega con novo escenario e unha xornada máis de concertos

A delegada territorial, Ana Ortiz, asistiu á presentación do programa do evento que combina música clásica, jazz e cinema

Vigo, 1 de outubro de 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este mércores na presentación do programa da terceira edición de “Música con V de Vigo (Musicav 2025)” e animou á cidadanía a asistir ao evento que se celebrará durante o presente mes de outubro. A representante autonómica destacou, xunto aos directores artísticos do evento, Javier Ferreiro e Rosanna Ojea, a calidade do evento e os prezos ao alcance de todos os públicos.

Ana Ortiz destacou o apoio do Goberno galego a un ciclo que “aposta pola música para todos” e animou á cidadanía a asistir a un festival que “conta cunha excelente oferta” clásica e de jazz. “Na nosa cidade necesitamos a moita xente como os organizadores do MusicaV para ter eventos de tanta calidade”, apuntou.

O Teatro Afundación e a nova sala de Vitruvia Club acollerán o ciclo este mes de outubro (días 7, 14, 21, 22 e 28). O festival MusicaV presentou a súa terceira edición no propio Vitruvia Club, confirmando a súa fórmula exitosa de fusionar música clásica, jazz e cinema nunha experiencia accesible e de alta calidade para todos os públicos.

A delegada territorial engadiu que tras o éxito dos seus dúas primeiras edicións, MusicaV demostrou que “é posible achegar a música de calidade a un público xeral sen necesidade de coñecementos previos”.

Programación

  • Martes 7: Inauguración a cargo da nova banda Vitruvia Art Ensemble. Auditorio Afundación.
  • Martes 14: José Valente presenta o concerto “Quem é o José Valente”. Vitruvia Club.
  • Martes 21: Concerto “De Bach a Glass”. Auditorio Afundación.
  • Mércores 22: Actuación de Charo Quicler Jazz Band. Auditorio Afundación.
  • Martes 28: Clausura con cine mudo e música en directo. “Nosferatu”, coa interpretación de Caspervek Ensemble. Auditorio Afundación.

Comparte