Nova: Mofa & Befa encarnan a ‘Os dous de sempre’ con dirección de Quico Cadaval nun espectáculo apoiado pola Xunta

01/10/2025
Mofa & Befa encarnan a ‘Os dous de sempre’ con dirección de Quico Cadaval nun espectáculo apoiado pola Xunta
A peza conta con financiamento ao abeiro das axudas á creación escénica 2025, dentro dunha liña na que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 870.000 euros a 25 compañías galegas
A adaptación teatral da única novela asinada por Castelao estrearase o 17 de outubro en Rianxo e visitará tamén Moaña, Arteixo, Ourense, Sada, Ames, Vigo, Narón, Padrón, Lugo e A Coruña
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
Os dous de sempre, única obra narrativa escrita por Castelao, contará cunha nova adaptación teatral a cargo do dúo cómico Mofa & Befa, formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, baixo a dirección de Quico Cadaval. A última proposta de Producións Teatrais Excéntricas, que conta co apoio da Xunta de Galicia ao abeiro das axudas á creación escénica 2025, ultima estes días ensaios no Gaiás cara á súa estrea o vindeiro 17 de outubro en Rianxo, vila natal do autor.
A Cidade da Cultura acolleu esta mañá a presentación da montaxe e mais o anuncio das primeiras citas dunha xira que levará o espectáculo por escenarios de toda Galicia. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, participaron no acto xunto a todo o equipo de Mofa & Befa: Os dous de sempre.
Nesta nova versión das aventuras de Pedriño e Rañolas, completa o elenco interpretativo Josito Porto, en tanto que Carme Varela asina a dramaturxia; Baltasar Patiño, o espazo escénico e lumínico; Carlos Alonso, os figurinos; Bernardo Martínez, a música; e Sonia García, os materiais de fotografía e vídeo.
Achega teatral ao Ano Castelao
Jacobo Sutil destacou a aposta deste proxecto por adaptar un dos grandes clásicos da literatura galega, dándolle unha nova vida no teatro. Ademais, sendo da man dunha das parellas de actores máis queridos polo público galego, con máis de trinta anos de traxectoria nos escenarios, e como unha “magnífica achega desde as táboas ao Ano Castelao que celebramos neste 2025”, sinalou. Subliñou tamén que Mofa & Befa “son xa posuidores dunha marca propia que se asocia cun teatro divertido, accesible, apto para todos os perfís, pero sen renunciar a fornecer o noso panorama escénico con interesantes pezas desde o punto de vista das dramaturxias ou da dirección actoral”.
O director de Industrias Culturais lembrou que a peza conta con financiamento da Xunta dentro da concesión de 870.000 euros a 25 compañías galegas de artes escénicas, a través da súa liña anual de subvencións á creación neste ámbito e pola que este ano se contribúe a materializar 30 espectáculos de teatro, danza e circo.
Pola súa banda, Ana Isabel Vázquez remarcou o compromiso da Cidade da Cultura por ofrecer espazos e recursos técnicos para que proxectos artísticos e culturais poidan dar os seus primeiros pasos. Así, acóllese un programa de residencias con iniciativas de artes escénicas e outras disciplinas (música, arte dixital, artes visuais, literatura, danza e deseño) do que este ano se beneficiaron preto de 150 creadores, equipos artísticos e 39 técnicos nas súas diferentes modalidades.
Dous personaxes que beben do humor de Castelao
Producións Teatrais Excéntricas construíu os seus últimos éxitos adaptando para o teatro grandes figuras da literatura galega. Así, en anos anteriores o público puido gozar da teatralidade de O porco de pé, de Vicente Risco, ou de Auto do Castromil, de Manuel María, con máis de 120 funcións por toda a xeografía galega. Nesta ocasión, Mofa & Befa encárganse de darlles vida a Pedriño e Rañolas, dous personaxes concibidos por Castelao na súa faceta de humorista gráfico. Amigos inseparables, son ao tempo antagónicos: un soñador idealista fronte un materialista conformista.
O humor do polígrafo rianxeiro bebe da mesma fonte popular e rebelde que alimenta a traxectoria do dúo Mofa & Befa, herdeiro dos bufóns medievais, do circo, do cinema mudo e do cabaret. A súa relación rememora as grandes parellas cómicas e literarias da historia: Quixote e Sancho, Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros.
Xira por todo o país
Nas súas primeiras datas confirmadas, a xira de Os dous de sempre levará o espectáculo desde a súa estrea o 17 de outubro no Auditorio Municipal de Rianxo ata diferentes puntos do país: Moaña (18 de outubro), Arteixo (día 24), Ourense (día 25, dentro do programa do Festival Internacional de Teatro), Sada (día 26) e Ames (día 31). En novembro chegará á Sala Artika de Vigo (do 1 ao 5) e a Narón (día 29). Xa en decembro, a Padrón (día 6) e Lugo (día 11). Tres destas funcións, as que terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, no Pazo da Cultura naronés e no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, teñen ademais apoio adicional da Xunta no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A distribución continuará en 2026 cunha parada destacada no Teatro Rosalía Castro da Coruña os días 15 e 16 de maio.