Nova: A Filmoteca de Galicia programa en outubro unha retrospectiva de Travis Wilkerson en colaboración co festival Intersección

30/09/2025

A Filmoteca de Galicia programa en outubro unha retrospectiva de Travis Wilkerson en colaboración co festival Intersección

A cinemateca da Xunta proxectará case a totalidade do traballo do cineasta estadounidense, quen presentará as sesións dos días 3 e 4 de outubro

O ciclo sobre Maurice Pialat continúa coa segunda metade de súa filmografía, na que destacan títulos como A nuestros amores, Bajo el sol de Satán ou Van Gogh

Preséntanse os arquivos dixitalizados da produtora Espello Vídeo Cine, testemuña da vida política, cultural e social galega dos 80, na etapa previa á creación da TVG

A carteleira mensual complétase con varias fitas do festival Animacción e a presentación da versión restaurada de El inquilino, de José Antonio Nieves Conde, coincidindo coa celebración do Día do Cine Español

A Coruña, 30 de setembro de 2025

A programación de outubro da Filmoteca de Galicia prestaralle unha especial atención á figura do cineasta Travis Wilkerson no marco da súa habitual colaboración co Festival Internacional de Cine da Coruña Intersección, que conta para o seu desenvolvemento cunha das subvencións da Xunta a certames audiovisuais. O artista estadounidense visitará a cidade os días 3 e 4 de outubro para presentar dúas destas sesións dedicadas á súa obra.

A cinemateca galega avanzará, ademais, no ciclo dedicado ao realizador francés Maurice Pialat, será unha das sedes do festival Animacción e mostrará a restauración dos arquivos da produtora coruñesa Espello Vídeo Cine correspondentes á década dos 80. Estas actividades centran a próxima carteleira mensual, que tamén celebrará o Día do Cine Español coa proxección o día 7 de El inquilino, de José Antonio Nieves Conde, na versión restaurada pola Filmoteca Española que será presentada polo historiador José Luis Castro de Paz.

Cinema e activismo

A Sala José Sellier é xa desde hoxe unha das principais pantallas de Intersección e, en colaboración con esta mostra, organiza do 3 ao 23 de outubro a retrospectiva do realizador Travis Wilkerson, quen presentará persoalmente as proxeccións dos días 3 e 4 de outubro. O ciclo é unha oportunidade única para achegarse á obra dun autor cuxo traballo transcende os límites do documental, a ficción, a interpretación e o activismo, cun estilo austero nos medios e firme nos principios, cualificado pola prensa como a “conciencia política do cinema estadounidense”.

A súa filmografía, recoñecida internacionalmente en festivais como Berlín, Sundance, Toronto ou Locarno, aborda temas tan diversos como a memoria histórica, as desigualdades, o poder das narrativas oficiais e as fronteiras da identidade. Varios dos traballos que se presentan na Coruña están codirixidos xunto á súa parella, Erin Wilkerson, como Did You Wonder Who Fired the Gun? ou a serie de curtas programadas o sábado 4.

Percorrido polas obras máis destacadas de Maurice Pialat

A cinemateca da Xunta continúa co ciclo Centenario Maurice Pialat, unha retrospectiva que conmemora os cen anos do seu nacemento. Esta segunda entrega aborda a etapa máis recoñecida da súa traxectoria, coa proxección de filmes esenciais como A nuestros amores, retrato descarnado da adolescencia que lle valeu o aplauso da crítica; Bajo el sol de Satán, controvertida Palma de Ouro en Cannes en 1987, ou Van Gogh, unha aproximación radical e humanísima aos últimos días do pintor, considerada unha das mellores representacións do artista na pantalla.

O ciclo culminará en novembro coa proxección de La maison des bois, a súa única incursión televisiva. Ambientada na Primeira Guerra Mundial, esta serie de sete episodios amosa un Pialat máis intimista e, malia a súa escasa difusión, é hoxe unha obra de culto imprescindible para comprender o seu universo creativo.

Fondos depositados na Filmoteca

Ademais, a Filmoteca de Galicia inaugura en outubro o ciclo Espello, Vídeo, Cine: unha crónica da Galicia dos oitenta, que do 9 de outubro ao 20 de decembro revisitará unha época clave da nosa historia recente a través das imaxes filmadas nesa década polas cámaras pioneiras da produtora coruñesa liderada por Xosé Xoán Cabanas Cao. A cinemateca dedicaralle catro sesións a este fondo, depositado no seu arquivo e recentemente dixitalizado a partir dos orixinais en U-Matic, que constitúe un dos testemuños audiovisuais máis valiosos da vida política, social e cultural da Galicia previa á TVG. As dúas primeiras sesións, os días 9 e 11 de outubro, contarán con especialistas e protagonistas daquel tempo.

Pola súa banda, o 20 de outubro comezarán as proxeccións do festival Animacción, entre as que destacan The Tower, que conta as vivencias dunha nena palestina nun campo de refuxiados; The Wanted 18, un documental animado palestino-canadense; Memorias dun caracol e Flow, gañadora do Oscar a mellor filme de animación.

Ademais, no apartado Fóra de Serie volve exhibirse La viajera, de HongSang-soo, o día 7, mentres que o 24 será a quenda de Danza no foco, de Marghe Morello, un repaso polo panorama da danza contemporánea galega a través de 10 cápsulas visuais. Por último, a Filmoteca acollerá o 21 de outubro a conferencia perfomativa Cine cego, a cargo da creadora e teórica Marta Azparren, acompañada pola artista sonora Haize Lizarazu.

Comparte