Nova: A Xunta destina 115.000 euros á posta en valor da figura do ilustre galeguista Ben-Cho-Shey

29/09/2025

A Xunta destina 115.000 euros á posta en valor da figura do ilustre galeguista Ben-Cho-Shey

 

  • O Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio co concello do Pereiro de Aguiar para a segunda fase da restauración da súa antiga vivenda
  • A actuación busca poñer a disposición da cidadanía un espazo para a divulgación da figura e obra do célebre mestre e articulista
  • O acordo encádrase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por apoiar as infraestruturas e equipamentos culturais e promover o coñecemento da nosa historia

A Xunta destina 115.000 euros á segunda fase da restauración da vivenda de Ben-Cho-Shey, onde o ilustre galeguista viviu durante dez anos. Así se anunciou hoxe no Consello da Xunta, onde se autorizou o acordo co Concello do Pereiro de Aguiar por un importe de 215.000 euros para levar a cabo as obras do inmoble e poñer en valor esta figura.

 

Así, a actuación que se porá en marcha pretende recuperar a vivenda do mestre para poder dotar ao edificio para un uso público. Farase mediante a restauración dos muros exteriores cos tratamentos necesarios, o saneado da estrutura portante, a substitución da cuberta inclinada de tella cerámica e a restauración das carpintarías exteriores do 1º e 2º andar.

 

Será nunha posterior fase onde se executen os acabados e as instalacións necesarias en cada un dos andares para permitir a súa apertura ao público. Este acordo enmárcase no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por apoiar as infraestruturas e equipamentos culturais e promover o coñecemento da nosa historia.

 

Cómpre lembrar que a casa onde viviu Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben Cho Shey, na súa época de mestre na escola de Santa Marta de Moreiras foi onde iniciou os traballos de investigación que acabou recollendo na obra Santa Marta de Moreiras. Monografía dunha parroquia ourensá.

 

Ben-Cho-Shey foi un intenso articulista que colaborou en importantes revistas con traballos de todo tipo: arqueolóxicos, etnográficos, históricos, pedagóxicos ou heráldicos nos que defende a Galicia e a súa lingua. Coa restauración desta vivenda contarase cun lugar para a divulgación da figura deste ilustre galeguista, converténdoa nun lugar de referencia para o coñecemento e difusión do autor e da súa gran obra. 

Comparte