Nova: López Campos subliña o papel pioneiro do Ourense Film Festival na celebración do seu 30º aniversario

26/09/2025
López Campos subliña o papel pioneiro do Ourense Film Festival na celebración do seu 30º aniversario
Incidiu no labor deste certame como plataforma de difusión da produción audiovisual galega a través dunha serie de seccións específicas que conviven con outras de carácter internacional
Coa estrea de ‘Playa de lobos’, do galego Javier Veiga, arrancou o programa de proxeccións que se estenderá ata o 5 de outubro por diferentes espazos da cidade
Ourense, 26 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu á cerimonia inaugural da 30ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que encheu esta noite o Auditorio Municipal da cidade das Burgas. A estrea de Playa de lobos, comedia escrita e dirixida polo galego Javier Veiga, marcou o arranque desta programación, que se desenvolverá ata o 5 de outubro baixo a organización da Deputación de Ourense e a Asociación Cultural Luarada e, un ano máis, co apoio económico da Xunta de Galicia.
O titular de Cultura do Goberno galego, quen estivo acompañado polos directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, tivo a oportunidade de felicitar o equipo organizativo por esta edición na que se celebra o 30º aniversario do certame, do que destacou o seu papel pioneiro como o festival de carácter competitivo máis antigo de Galicia.
Para López Campos, o OUFF desenvolve un papel indispensable como plataforma para a proxección social do audiovisual galego nun momento, ademais, no que —como destacou o conselleiro— o noso cinema está a acadar fitos internacionais que veñen referendar o seu talento e o bo facer.
Máis de 10 seccións
No transcurso da gala, presentáronse as diferentes seccións desta 30ª edición, na que os apartados específicos de cinema galego, como Panorama Galicia, Fóra de Serie ou Made in Ou conviven cos de carácter internacional como as seccións oficiais de longametraxes e de curtas, Sos Arxentina, Agarimo, Xeración OUFF, Amal en Ruta ou Cine Familiar. Ademais, Colleita amosará os novos traballos de cineastas que manteñen unha relación especial co festival.
A cerimonia incluíu, así mesmo, a actuación da cantante Bebe xunto ao músico galego Pablo Novoa e a entrega de dous dos galardóns honoríficos que outorga anualmente o OUFF: o Chano Piñeiro a José Manuel Cancela, compositor de raíces galegas, galardoado con cinco emmys e autor de numerosas bandas sonoras para cine e televisión, e o premio AISGE a Charo Pena, actriz e directora de dobraxe, que lle puxo voz a grandes actrices internacionais como Meryl Streep, Jane Fonda ou Susan Sarandon.