Nova: A Xunta inicia o proceso para declarar Ben de Interese Cultural o Muíño das Mareas da Seca

26/09/2025
A Xunta inicia o proceso para declarar Ben de Interese Cultural o Muíño das Mareas da Seca
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de incoación que supón a protección inmediata deste espazo
Os técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacan a infraestrutura como “expresión relevante e significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego”
Ademais do seu valor etnolóxico, pódeselle atribuír valor histórico, dada a súa antigüidade e vinculación coa historia dos asentamentos de Fefiñáns e Cambados
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de incoación para declarar como Ben de Interese Cultural o Muíño das Mareas da Seca, situado en Cambados, na categoría de lugar de valor etnolóxico. Deste xeito, a Xunta dota esta infraestrutura sobranceira coas máximas medidas de protección para salvagardala como expresión relevante e significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego.
O Muíño da Seca é un dos escasos exemplos de muíños de marea que queda nas costas galegas e representa un testemuño excepcional dunha tradición cultural practicamente desaparecida e moi significativo do amplo período histórico no que se desenvolveron este tipo de instalacións. Cómpre lembrar que o uso principal e característico deste espazo foi o de instalación de moenda e transformación de cereal en fariña, ademais de ser usado como vivenda da familia encargada da instalación e posteriormente corte do gando. Ademais, o edificio foi obxecto dunha rehabilitación integral en 1995 que o transformou para dedicalo a fins expositivos e na actualidade só funciona de xeito puntual como espazo expositivo.
Engadido ao seu valor etnolóxico, pódeselle atribuír valor histórico, dada a súa antigüidade e vinculación coa historia dos asentamentos de Fefiñáns e Cambados e un gran valor arquitectónico, xa que é mostra da arquitectura tradicional de carácter rural.
A contorna de protección proposta do Muíño das mareas da Seca comprende os espazos e construcións próximos cuxa alteración pode incidir na percepción e comprensión dos valores culturais do ben no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo. Con este fin, tomáronse como referencia algunhas das delimitacións urbanísticas, as infraestruturas existentes, as rúas e o parcelario. A delimitación proposta abrangue unha superficie de 578.314 m², gran parte da cal está constituída polas augas do mar.