Nova: López Campos celebra a “unión artística” no CGAC de Jaione Camborda, Max de Esteban e Joan Fontcuberta para arrancar a súa programación de outono

26/09/2025
López Campos celebra a “unión artística” no CGAC de Jaione Camborda, Max de Esteban e Joan Fontcuberta para arrancar a súa programación de outono
O representante do Goberno galego salienta a “privilexio que supón poder contar e gozar do diálogo artístico de tres grandes nomes do cinema, vídeo e fotografía”
A experiencia inmersiva, que pode verse ata o 8 de febreiro, está comisariada por Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe a “unión artística” de Jaione Camborda, Max Estebam e Joan Fontcuberta na experiencia inmersiva Percepción e incerteza, coa que o Centro Galego de Arte Contemporánea arranca a súa programación de outono.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante da Xunta inaugurou esta proposta artística que “permite o diálogo entre tres grandes creadores actuais que traballan coa imaxe en movemento desde perspectivas moi distintas, pero das que son nomes referentes”, salientou ao respecto do cinema, de Jaione Camborda; do vídeo, de Max de Esteban, e da fotografía, de Joan Fontcuberta.
López Campos gabou o resultado “reflexivo e crítico” deste proxecto no que cada unha das pezas dos tres artistas aborda os conceptos de percepción e da incerteza desde canda súa disciplina. Deste xeito, Jaione Camborda afonda no universo dunha persoa xordocega en relación coas posibilidades e contradicións do mundo cuántico. Pola súa banda, a obra de Max de Esteban, reunida nun díptico, advirte desde unha perspectiva distópica da manipulación da ciencia ao servizo da bieconomía e da infopolítica. Mentres, Fontcuberta explora a maxia da intelixencia artificial e o seu potencial como xeradora de experiencias visuais inéditas.
Tras a inauguración esta mañá, os artistas manterán esta mesma tarde, ás 18,30 horas, unha conversa aberta ao público co comisario da mostra e director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, sobre a orixe e resultado deste proxecto, que poderá verse ata o 8 de febreiro.
Os creadores
A cineasta Jaione Camborda (Donostia-San Sebastián, 1983) traballa desde a materia, o corpo e a memoria para construír narrativas sensoriais e profundamente enraizadas no territorio. Formada na escolas de cinema de Praga e Munich, a súa carreira está ligada ao Novo Cinema Galego, como directora de arte ou produtora. Coa súa película O Corno foi a primeira directora española en gañar a Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián.
O artista Joan Fontcuberta (Barcelona, 1955) é tamén ensaísta, docente e comisario de exposicións. O seu traballo de creación soen centrarse nos conflitos entre natureza, tecnoloxía, fotografía e verdade, e foi obxecto durante catro décadas de numerosas mostras persoais e publicacións monográficas. A súa obra expúxose en museos como o MoMA, de Nova York; o Art Institute, de Chicago; o Maison Européenne de la Photographie, de París, ou o Science Museum, de Londres.
O artista visual Max de Esteban (Barcelona, 1959) traballa principalmente con fotografía e vídeo. É recoñecido polo seu compromiso social moi crítico co capitalismo contemporáneo. Os seus proxectos exhibíronse en institucións internacionais como o Jeu de Paume, de París; o Museo de Belas Artes, de Houston; o Deutsche Technik Museum ,de Berlín; a Virreina Centre de la Imatge, de Barcelona ou Palacio de Toquio, de París, entre outros moitos. A súa obra forma parte das coleccións de museos de todo o mundo.