Nova: O bo momento actual e os principais retos da industria audiovisual galega centran a reunión do conselleiro de Cultura coa directiva da asociación Agapi

26/09/2025
O bo momento actual e os principais retos da industria audiovisual galega centran a reunión do conselleiro de Cultura coa directiva da asociación Agapi
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse esta mañá cunha representación da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), colectivo empresarial pioneiro no sector audiovisual galego, para tratar diferentes accións que ambas as entidades desenvolven conxuntamente neste ámbito, co foco posto no bo momento actual e nos principais retos desta industria cultural.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu tamén a esta xuntanza, na que por parte de Agapi participaron o seu presidente, Felipe Lage Coro, a vogal Natividade Juncal e a súa xerente, Uxía Caride. O desenvolvemento do programa de asesoría Agapi Impulsa Copros, subvencionado pola Xunta de Galicia, a colaboración no eido da formación e da promoción das producións galegas ou as liñas de axudas ao sector convocadas anualmente pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude foron algún dos temas abordados nesta reunión, que se encadra na vía de diálogo que o Goberno galego mantén aberta de xeito permanente cos principais e máis representativos colectivos da nosa cultura.