Nova: A Xunta destina máis de 57.000 euros para facilitar a asistencia de profesionais a actividades do sector do libro

28/09/2025

A Xunta destina máis de 57.000 euros para facilitar a asistencia de profesionais a actividades do sector do libro

  • A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de resolver a súa liña de axudas para que persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras e editoras poidan participar en citas nacionais e internacionais
  • O obxectivo desta medida é facilitar a internacionalización da cultura galega en destinos como Madrid, Valencia, Arxentina, México ou Italia

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2025.- A Xunta de Galicia destina máis de 57.000 euros para facilitar a asistencia de profesionais a actividades do sector do libro organizadas tanto a nivel nacional como internacional. Así, se recolle na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e na que se inclúen persoas escritoras, ilustradoras, tradutoras ou escritoras.

O obxectivo da convocatoria é fomentar a internacionalización da cultura galega. Para iso, o Goberno galego aumenta un 43% con respecto a 2024 a cantidade dedicada a esta orde que busca fomentar a participación en actividades no sector do libro, como feiras, festivais seminarios, encontros, obradoiros e estadías como medio de favorecer a creación e a promoción do libro en galego fóra de Galicia que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro deste ano.

Así, tal e como figura na resolución, un total de 39 empresas e profesionais do sector do libro recibirán importes desde 500 a 3200€ para asistir a citas en Madrid, Barcelona, Valencia ou Victoria-Gasteiz, así como eventos internacionais en México, Italia, Reino Unido, Arxentina, Alemaña ou Xapón.

Foron obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia a estas citas, ata un máximo de dúas actividades por solicitante.

Comparte