Nova: López Campos recibe a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual para abordar as principais liñas de colaboración co sector

25/09/2025
López Campos recibe a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual para abordar as principais liñas de colaboración co sector
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, recibiu esta mañá a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, para abordar as principais liñas de colaboración a prol do sector que a Xunta de Galicia mantén con este colectivo. Entre elas, destaca o apoio económico do Goberno galego á organización anual dos premios Mestre Mateo, que comprende o desenvolvemento da gala e outra serie de actividades asociadas, como a sección de curtametraxes do Ciclo Mestre Mateo de cinema galego por unha vintena de concellos.
Participaron tamén nesta reunión o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Academia, Carmen Méndez, o vogal Xosé Manuel Barreira e o seu director, Miguel Mariño. Con todos eles, o representante do Goberno galego analizou os retos actuais e futuros do audiovisual, do que salientou o bo momento que está vivir, tal e como demostran os numerosos e prestixiosos recoñecementos recibidos.