Nova: O Centro Dramático Galego estrea esta semana as coproducións ‘Heroes en decembro’ e ‘Berenguela na gaiola’

24/09/2025
O Centro Dramático Galego estrea esta semana as coproducións ‘Heroes en decembro’ e ‘Berenguela na gaiola’
‘Heroes en decembro’, con dirección de Sara Rey, terá a súa primeira función este venres 26 na Mostra de Teatro de Ribeira
‘Berenguela na gaiola’, con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira, prográmase o sábado 27 no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo
A compañía institucional galega produce ou participa nesta tempada en 14 novos espectáculos na liña de apoio á dramaturxia galega e a unha oferta escénica diversa
Carballo (A Coruña), 24 de setembro de 2025
O Centro Dramático Galego estrea esta semana dous dos 14 espectáculos que produce ou coproduce na actual temporada 2024-2025. Trátase de Heroes de decembro, xunto a Ancoraxe e Vórtice Escénico, que se poderá ver por primeira vez o venres 26 na Mostra de Teatro de Ribeira; e Berenguela na gaiola, realizada xunto a Galeatro e Xarope Tulú, que se presentará o sábado 27 no marco do Festival Internacional Outono de Teatro, de Carballo.
Baixo o lema O teatro, punto de encontro, a compañía institucional da Xunta apoia así á dramaturxia galega, co foco nunha oferta de artes escénicas que mesturan diferentes linguaxes e franxas de público.
Heroes en decembro, que conta tamén coa colaboración do Concello de Catoira, é a primeira coprodución que verá a luz neste curso. Será como parte da carteleira da mostra de teatro que celebra a capital do Barbanza o 25 de setembro ao 19 de decembro. En concreto, o público poderá vela sobre o palco por primeira vez o 26 de setembro ás 21,15 horas no Auditorio Municipal, con preestrea o día anterior para escolares.
A peza é un drama contemporáneo de Eva Mir, cun código escénico innovador e comprometido coas novas xeracións dirixido por Sara Rey. A historia presenta catro persoas que participaron no programa de repoboación rural Revivir da Fundación Habitando, tras seren superviventes de tentativas de suicidio. A experiencia dos protagonistas no devandito proxecto abre un camiño para reflexionar sobre a saúde mental, a culpa ou a identidade desde a honestidade e o humor acedo.
Isabel Garrido, Andrea Blanco, Marcos Grandal e Ana San Fernando compoñen o elenco de Heroes en decembro, en tanto que As Dúas e Punto son as artífices do espazo escénico.
Diálogo entre xeracións
A segunda coprodución do teatro público galego que se vai estrear esta tempada é Berenguela na gaiola, obra que foi recoñecida co Premio Manuel María de Proxectos Teatrais 2024 e que dirixe Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática, quen asina tamén a dramaturxia realizada a partir da obra do autor chairego. O espectáculo, que tamén coproducen a Casa-Museo Manuel María e o Festival Internacional Outono de Teatro, foi presentado esta mañá en rolda de prensa no marco do festival carballés, evento destacado no mapa galego de festivais escénicos e que conta con subvención da Xunta de Galicia para a súa organización. A sección infantil Fiotiño acollerá a estrea o próximo sábado 27, ás 18,30 h. , no Pazo da Cultura e haberá tamén un pase previo para os centros de ensino na mañá do venres 26.
O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, participou no acto de presentación desta proposta chea de humor e crítica, na que se establece un diálogo entre xeracións e se reivindica o dereito a existir con dignidade en todas as etapas da vida. A montaxe, indicada para todos os públicos a partir de 6 anos, realizou parte do seu período de ensaios no Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede da compañía pública.
A trama parte de tres persoas maiores que deciden representar Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, de Manuel María, comezando un percorrido no que o teatro será o medio para devolverlles a voz, a ilusión e a liberdade que a sociedade lles nega. O teatro convértese aquí en ferramenta de rebelión e soño compartido.
En Berenguela na gaiola a interpretación corre a cargo de Alba Bermúdez, Tone Martínez e Atenea García. O vestiario está deseñado por As Dúas e Punto, o espazo sonoro por Xavier Bértolo, a escenografía por Nicolás Zamorano e a iluminación por Nacho Martín.
Intensa actividade para esta temporada
Unha terceira coprodución do Centro Dramático Galego poderá verse tamén dentro da programación do Festival Internacional Outono de Teatro. Trátase de Territorio Regueifa, neste caso realizada xunto a Ainé, e que terá a súa estrea os días 3 e 4 de outubro.
En total son as 14 as novas producións escénicas que a unidade teatral da Xunta asume ou nas que participa ata xuño de 2026, ben cos seus equipos propios, ben en colaboración con compañías galegas e con outras estruturas teatrais de fóra de Galicia.