Nova: A Xunta de Galicia apoia a nova edición do festival Musicav en Vigo e a súa aposta pola “música para todos”

23/09/2025

A Xunta de Galicia apoia a nova edición do festival Musicav en Vigo e a súa aposta pola “música para todos”

A delegada territorial, Ana Ortiz, asistiu ao “concerto espontáneo” de presentación

O Teatro Afundación e o novo Vitrubia Club acollerán concertos e proxeccións de cine con “máis música e máis novedades”

Vigo, 23 de setembro de 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou na presentación este mércores da terceira edición de “Música con V de Vigo (Musicav 2025)” xunto á vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, e os directores artísticos do evento, Javier Ferreiro e Rosanna Ojea.

O acto de presentación levouse a cabo cun “concerto espontáneo” dirixido polo compositor e pianista Brais González nas instalacións de El Corte Inglés, colaborador do evento. Ana Ortiz destacou o apoio do Goberno galego a un ciclo que “aposta pola música para todos” cunha “excelente oferta” clásica e de jazz.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo lembrou que a música clásica e o jazz son xéneros cun importante respaldo do público. “Comprobamos que existe moita demanda coas programacións que hai en Vigo, polo que non tivemos ningunha dúbida á hora de impulsar proxectos como os de Vitruvia, que leva desde 2015 facendo un traballo encomiable”, sinalou o director xeral.  

O Teatro Afundación e a nova sala de Vitrubia Club acollerán o ciclo o vindeiro mes de outubro. O festival MusicaV anunciou a súa terceira edición, confirmando a súa fórmula exitosa de fusionar música clásica, jazz e cinema nunha experiencia accesible e de alta calidade para todos os públicos.

Música como forma de coñecemento

Luisa Sánchez salientou que  o festival  ofrece “unha experiencia que convida a sentir e gozar da música como forma de coñecemento e de enriquecemento persoal”. A vicepresidenta animou á cidade a participar de todos os eventos desta edición do festival e a “deixarse levar pola beleza e a diversidade da súa programación”.

Rosanna Ojea destacou que o festival reforza o seu compromiso coa cidade de Vigo con dúas importantes novidades. Por un lado, a presentación da nova banda Vitruvia Art Ensemble; por outro, a adición dun día máis de concertos no novo espazo, o Vitruvia Club. “Tras o éxito dos seus dúas primeiras edicións, MusicaV demostrou que é posible achegar a música de calidade a un público xeral sen necesidade de coñecementos previos”, sinalou a codirectora.

“A Xunta de Galicia aposta pola cultura”

Javier Ferreiro destacou o apoio do Goberno galego e o a súa “aposta pola cultura” e por ofertar “música como unha forma de coñecemento que nos permite comprendernos a nós mesmos e ao mundo desde outras perspectivas". Ademais, apuntou que "MusicaV busca mostrar a diversidade destes xéneros, desde obras consagradas ata interpretacións máis contemporáneas, demostrando que a sensibilidade estética e a experiencia artística son dimensións necesarias para unha vida plena”.

Comparte