Nova: Anxo M. Lorenzo pon en valor “a grande oportunidade para os creadores” da III Residencia literaria de San Simón

23/09/2025

Anxo M. Lorenzo pon en valor “a grande oportunidade para os creadores” da III Residencia literaria de San Simón

O director xeral de Cultura recibe ás 11 persoas que participan na segunda quenda desta iniciativa que promove a escrita de obras en galego cunha estadía “nunha contorna natural e cultural”

Redondela (Pontevedra), 23 de setembro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe as 11 persoas que participan na segunda das quendas correspondentes á III Residencia Literaria Illa de San Simón. Trátase dunha iniciativa, lembrou, que promove a creación literaria en galego mediante unha estadía de ata dúas semanas “nesta contorna natural e cultural”, resaltando o seu éxito “porque cada ano súmanse más creadores e creadoras que ven nesta iniciativa unha grande oportunidade para desenvolver o seu talento”.

Así, no marco deste encontro, o representante da Xunta deu a benvida a Carlos Labraña, Jorge Coira, Araceli Gonda, Francisco Javier Fernández, Francisco Valeiras, Carlos Lixó, Nuria Díaz, Alba Tomé, Eire García, Sara Villar e Daniel Gutiérrez, que ata o vindeiro 6 de outubro poderán traballar nos seus proxectos ao abeiro dunha “proposta que nesta terceira edición segue a consolidarse como unha das accións deste tipo máis valoradas” e que complementan, puntualizou, “outras residencias artísticas que desenvolvemos desde o Goberno galego noutros enclaves”.

Neste senso, puxo en valor a ampla variedade de xéneros literarios elixidos polos creadores que van desde a novela aos guións cinematográficos nunha residencia na que participan un total de 24 persoas en tres quendas. 

Comparte