Nova: A Xunta leva a danza galega a Portugal cun foco específico na programación da 33ª Quinzena de Almada

23/09/2025
A Xunta leva a danza galega a Portugal cun foco específico na programación da 33ª Quinzena de Almada
A colaboración con este festival portugués sinala o arranque do programa ‘Foco Galicia Danza’, co que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsará a presenza e a visibilidade da creación galega en eventos estratéxicos
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reúnese cunha representación das compañías que se desprazarán ao encontro luso do 2 ao 5 de outubro para ultimar os detalles da súa participación
La Guajira, Fran Sieira Compañía de Danza, Andrea Castro e iXa actuarán neste evento de referencia europea, ademais de manter encontros con profesionais da programación cultural chegados de diferentes países
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025
A Xunta pon en marcha o novo programa Foco Galicia Danza para impulsar a presenza e a visibilidade dos espectáculos e profesionais do sector en eventos estratéxicos de alcance internacional. É o caso da 33.ª Quinzena de Dança de Almada International Dance Festival, que acollerá o arranque desta iniciativa promocional cunha sección específica na que actuarán Andrea Castro, iXA, La Guajira e Fran Sieira Compañía de Danza.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse hoxe cunha representación desta delegación galega, da que tamén forma parte Colectivo Glovo como entidade colaboradora na organización do programa Foco Galicia Danza. Asistiron á xuntanza Armando Martén, de La Guajira; Esther Latorre, de Colectivo Glovo; Fran Sieira e Pilar Portela, coordinadora de Música e Danza da Axencia.
Catro espectáculos galegos
Nela, ultimáronse os detalles da súa participación na Quinzena de Almada, que se concentrará do 2 ao 5 de outubro. A principal cita deste primeiro Foco Galicia Danza terá lugar na tarde do 4 de outubro coa actuación das catro compañías no Auditório Osvaldo Azinheira da Academia Almadense, onde están programadas as pezas Lola y los lamentos, de Andrea Castro; Minguantes, de La Guajira; Coreografías dun DeMente, de Fran Sieira Compañía de Danza, e Ollos cara adentro, de iXa.
Unha comisión galego-portuguesa foi a encargada de seleccionar estes espectáculos a partir dunha convocatoria aberta a todas as compañías galegas, e á que se presentaron 36 proxectos, co obxectivo de ofrecer unha escolma representativa do amplo e variado panorama actual da danza contemporánea en Galicia. Escolléronse formacións artísticas de distintas xeracións, traxectorias e perfís artísticos, cuxos espectáculos reflicten tamén diferentes linguaxes e formatos escénicos.
A participación galega na 33ª Quinzena de Dança incluirá, así mesmo, un obradoiro de impartido por Xián Martínez, de iXa, e a asistencia de toda a delegación ás roldas de encontros con profesionais da programación cultural procedentes de diferentes países.
A Xunta pon en marcha o programa Foco Galicia Danza co fin de reforzar os contactos internacionais das compañías, tanto emerxentes como consolidadas, que traballan na nosa Comunidade, dándolle unha maior visibillidade á súa identidade propia e ao gran potencial creativo nun contexto mundial, e favorecendo unha maior circulación exterior dos seus espectáculos.
Búscase igualmente impulsar a cooperación institucional no ámbito da danza, en liña do labor que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén desenvolvendo nos últimos anos a través da súa colaboración directa con eventos considerados estratéxicos como Dança València ou a Fira Mediterrània de Manresa, entre outros.