Nova: A Xunta e a asociación Itineris colaboran para animar este venres o barrio da Tinería cunha xornada de ‘Cantos de taberna’

23/09/2025
A Xunta e a asociación Itineris colaboran para animar este venres o barrio da Tinería cunha xornada de ‘Cantos de taberna’
Lugo, 23 de setembro de 2025
O barrio da Tinería acollerá este venres, 26 de setembro, unha sesión de Cantos de Taberna organizada pola asociación de empresarios Itineris co patrocinio da Xunta. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación da iniciativa xunto con Isabel Lozano, presidenta do colectivo.
A cita comezará cun obradoiro de pandeireta ás 18,00 horas; seguido doutro de baile tradicional a partir das 19,00 horas. Ambos son gratuítos e van dirixidos a participantes maiores de 12 anos, con inscrición previa.
Arredor das 20,30 horas comezarán os cantos de taberna, que percorrerán seis locais de hostalería do barrio. Como peche, haberá unha foliada final. A asociación publicará máis detalles do programa nas súas redes sociais.
O obxectivo é sumar novas actividades de dinamización na Tinería, ao tempo que se aposta por divulgar a música e a cultura tradicional dende este emblemático barrio do centro de Lugo.
Durante a presentación, resaltaron o éxito de público que rexistrou o ‘tardeo’ musical do pasado sábado, amenizado polos DJs Quimbine e Kiko López, que contou tamén co apoio da Xunta. Arias salientou que este tipo de iniciativas “axudan a incrementar o impacto positivo de eventos multitudinarios como o Caudal Fest, tanto a nivel económico como da imaxe que ofrece a cidade nuns días con alta afluencia de visitantes”.