Nova: A Xunta colabora con máis de 500.000€ co Museo da Construción Naval de Ferrol para o desenvolmento de actividades ao longo dos últimos seis anos

23/09/2025

A Xunta colabora con máis de 500.000€ co Museo da Construción Naval de Ferrol para o desenvolmento de actividades ao longo dos últimos seis anos

  • O Consello do Goberno galego avalía o apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a esta entidade desde 2019 ata a actualidade
  • O informe avala o investimento neste período por tratarse dun proxecto co principal museo marítimo de España e o máis completo en Europa na súa temática
  • A maiores, salienta a súa contribución á dinamización da comarca e que facilita un mellor coñecemento deste tipo de industria

O Goberno galego leva colaborado con máis de 500.000 euros co Museo da Construción Naval de Ferrol ao longo destes últimos seis anos para contribuír a garantir o seu funcionamento, á vez se colabora coa a realización de actividades expositivas e de difusión, así como de restauración do seus fondos.

Así se dá conta no informe avaliado hoxe polo Consello da Xunta no que se analiza esta colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, iniciada en 2019 e que se mantén na actualidade, pola “singularidade” do museo e do arquivo, que están baixo a titularidade e xestión da Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas.

De igual xeito, no documento enxálzase o “claro interese xeral para Galicia” deste proxecto ao considerar acreditado que “dinamiza a comarca e o sector” a través do fomento e a divulgación da actividade museística, “contribuíndo a un mellor coñecemento da industria da construción naval, facendo fincapé no papel que desempeñou Ferrol neste eido”.

O museo máis completo de Europa na súa temática

Na mesma liña, a análise defende o investimento do Executivo autonómico no museo por tratarse do “principal que existe en España especializado na historia da construción naval no mundo”, á vez que salienta que os expertos o catalogan como “o máis completo de Europa na súa temática”.

Con respecto ao arquivo do Museo, o informe destaca a “colección única” que acolle e que reúne fondos museográficos e documentais do patrimonio marítimo e industrial de “gran valor”. Entre eles, fai fincapé no pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro en 1810, e recuperada pola Armada Española nos anos 70 e 80 do pasado século.

Ademais de pola exposición, o informe salienta o “enorme interese do amplísimo legado documental” en forma de monografías, planos e outros documentos ao servizo dos investigadores.

Fondos documentais de gran valar no arquivo

A maiores, o informe pon en valor tamén os fondos do arquivo, sinalando que posúe unha importante colección de cartas náuticas desde finais do século XIX ata mediados do século XX; unha colección de fotografías do estaleiro de San Felipe, e máis de 70.000 imaxes e formato analóxico e dixital.

A este material engádeselle o fondo sobre Astano, no que se documenta polo miúdo as diferentes tipoloxías de buques construídos nese estaleiro e tamén se subliña que custodia a documentación do caso xudicial do Prestige, contando con planos do propio buque.

 

Comparte