Nova: A Xunta inviste preto de 18.000 euros nunha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Noville, en Mugardos

22/09/2025
A Xunta inviste preto de 18.000 euros nunha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Noville, en Mugardos
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou os traballos que concluirán esta mesma semana
A actuación, financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, consiste na realización de cinco sondaxes a realizar nunha área de 45 metros cadrados co fin de delimitar o espazo deste xacemento
Mugardos (A Coruña), 22 de setembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou esta mañá os traballos que o Goberno galego está a financiar na escavación arqueolóxica da vila romana de Noville, en Mugardos.
A actuación, conta cun investimento autonómico de 17.666 euros, céntranse en cinco sondaxes arqueolóxicas a realizar nunha área de 45 metros cadrados coa fin de delimitar o espazo deste xacemento e aportar información relevante para planificar con maior eficacia futuros traballos de escavación arqueolóxica e posta en valor.
Como lembrou a delegada territorial, a actuación que está sendo executada pola empresa Engobe Arqueoloxía SLU. e concluirá esta mesma semana, vén avalada polo resultado dunha prospección xeofísica realizada pola Xunta en 2022 que permitiu detectar toda unha serie de anomalías no terreo que poderían traducirse na presenza de estruturas arqueolóxicas no subsolo dunha superficie bastante ampla da zona.
“Por este motivo, considerouse necesario realizar esta intervención coa finalidade de confirmar a presenza destas estruturas, coñecer a súa natureza e funcionalidade”, explicou a delegada á vez que manifestou que con intervencións coma este a Xunta amosa o compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego.
O xacemento arqueolóxico de Noville, situado na parroquia de Franza, é un dos xacementos da época romana de maior relevancia na provincia da Coruña xa que as intervencións realizadas a finais dos anos 80 permitiron coñecer de forma case íntegra a planta dun edificio que pertenceu á zona residencial dunha vila romana marítima data dos séculos III e IV d.C.