Nova: A Xunta contribúe á consolidación do cine galego no London Spanish Film Festival

22/09/2025
A Xunta contribúe á consolidación do cine galego no London Spanish Film Festival
A sección ‘Letters from Galicia’ do certame londiniense acolle esta semana as estreas no Reino Unido de ‘+Cuñados’ e ‘Antes de Nós’, ademais dunha escolma de curtametraxes galegas
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volve apoiar o colectivo Galician Film Forum na organización deste apartado específico para o audiovisual galego no que é un dos festivais de cinema español máis destacado de Gran Bretaña
Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2025
O cine galego consolida a súa presenza no London Spanish Film Festival, onde por terceiro ano consecutivo conta coa sección específica Letters from Galicia para a difusión do noso audiovisual. A Xunta volve colaborar co colectivo Galician Film Forum na organización desta programación galega, que se desenvolve mañá martes 23 e o mércores 24 arredor das estreas no Reino Unido dos filmes + Cuñados e Alén de Nós, así como dunha escolma de catro curtametraxes.
A produción audiovisual de Galicia conta así cun escaparate propio neste festival, que en 2025 celebra a súa 21ª edición confirmándose como un dos certames de cine español máis importantes de Gran Bretaña.
A programación deste ano ofrece dúas longametraxes producidas con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. En primeiro lugar, o Ciné Lumière da capital británica acollerá mañá pola tarde a estrea da comedia de Portocabo +Cuñados, tras a que o seu director, Luis Avilés, manterá un coloquio co público asistente.
A continuación será a quenda da sesión de curtametraxes, que conforman Resonancias, de Diana Gonçalves; Abellón, de Fon Cortizo; Eu vou conmigo, de Chelo Loureiro, e Curman, de Alejandro Jato.
Pola súa banda, Antes de nós terá a súa estrea británica o mércores 24 nos Riverside Studios. Tras a proxección desta película arredor da figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, dirixida por Ángeles Huerta e con Zenit TV á cabeza da produción, terá lugar un encontro con Xoán Fórneas, o seu actor protagonista.
A contribución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á sección galega no London Spanish Film Festival insírese na colaboración establecida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA). Letters from Galicia conta tamén co apoio de Abanca e da adega Méndez-Rojo.