Nova: López Campos salienta o apoio da Xunta a arte contemporánea a través do programa ‘Aberto 25’

18/09/2025
López Campos salienta o apoio da Xunta a arte contemporánea a través do programa ‘Aberto 25’
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa na inauguración de dúas exposicións en galerías de Santiago, das dez galegas que participan nesta iniciativa
Desde hoxe e ata o 20 de setembro exhibiranse simultaneamente exposicións en entidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, ademais de na capital galega
O Centro Galego de Arte Contemporánea colabora, por terceiro ano consecutivo, comprometéndose a mercar algunha das obras que forman parte das mostras
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor o compromiso da Xunta coa arte contemporánea en Galicia “dándolle pulo tanto aos propios creadores, como colaborando coas galerías no traballo de promoción que realizan”. Así o salientou na inauguración hoxe, en Santiago de Compostela, de dúas das exposicións que integran o programa Aberto25 e que conta co apoio do Goberno galego.
O responsable de Cultura do Executivo autonómico destacou o feito de que as dez mostras desta iniciativa inaugúranse de xeito simultáneo en seis cidades, xa que ademais de catro galerías da capital galega, tamén participan espazos da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, “o que permite ter unha fotografía da calidade e cantidade da creación contemporánea existente en Galicia”.
Precisamente, López Campos salientou o compromiso do Goberno galego coa actividade destas entidades, “ás que apoia de xeito constante”. Ao respecto, apuntou como “claro exemplo” as axudas da Xunta para a participación de galerías de arte en feiras e certames fóra da Comunidade. Neste senso, lembrou que, con este fin, acábanse de conceder máis de 100.000 euros a 11 galerías de arte galegas, “catro máis que na anterior convocatoria”, celebrou.
O conselleiro valorou que, deste xeito, se incentiva a actividade artística das entidades que traballan no sector “e que desenvolven un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura”. Ademais, tamén puxo en valor o feito de que, por terceiro ano consecutivo, o Centro Galego de Arte Contemporánea colabora co esta iniciativa comprometéndose a mercar algunha das obras que forman parte das dez mostras para o seu fondo.
Dez exposicións á vez en cinco cidades
En canto ao programa Aberto25, López Campos explicou que se celebra de xeito simultáneo en dez galerías, desde hoxe e ata o 20 de setembro. Por este motivo, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o conselleiro fixo un percorrido por dúas das catro exposicións que se abriron hoxe en Santiago de Compostela. Así, inaugurou, Cara a cara, de Samuel Salcedo e Sito Mújica, na galería Dupla, e Love is Pop, de Salustiano, na Luisa Pita. Ao mesmo tempo, abríronse ao público na capital galega as mostras Patria unifamiliar, de Alberto Ardid, na Trinta e De hortalizas y panteras, de Montse Rego, na Metro.
Na Coruña participan na iniciativa a galería Nordés, co traballo de Pablo Barreiro Un xesto anterior; a Moret Art, que dará a coñecer as novas obras de Lino Lage en Falsos abstractos y un cuadro de Newton, e Vilaseco con pezas de Regina Giménez. Na cidade de Vigo forma parte da programación a galería PM8, que exporá a Martha Araújo, na cidade de Lugo, poderá verse en Néboa Entre as sombras voltarei acompañado, que recompila creacións de Vicente Blanco, mentres que na galería ourensá Marisa Miramón exhibiranse os lenzos de Jonathan Notario en Las maravillas del saber.