Nova: O XXV Festival de Teatro Agustín Magán arranca mañá en Santiago co apoio da Xunta

18/09/2025

O XXV Festival de Teatro Agustín Magán arranca mañá en Santiago co apoio da Xunta

O teatro Principal e o centro sociocultural de Santa Marta acollerán a programación que contará con seis espectáculos ata o 27 de setembro

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou o papel do teatro afecionado na dinamización e accesibilidade cultural

O Goberno galego reafirmou o seu compromiso coa dramaturxia dedicando este ano 55.000 euros á Federación Galega de Teatro Afeccionado, organizadora da cita

Santiago de Compostela, 18 de setembro 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou hoxe o papel do teatro aficionado na dinamización e accesibilidade cultural, “asegurando unha cultura feita por todos e para todos”. Fíxoo na rolda de prensa de presentación do XXV Festival de Teatro Agustín Magán, que arranca mañá en Santiago de Compostela.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude remarcou a importancia “dun festival que cada ano demostra o potencial do teatro amador de Galicia e a súa capacidade para atraer públicos e fidelizalos”. Así mesmo, salientou que o apoio desta disciplina enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia “para darlle pulo e visibilidade á dramaturxia na liña da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia”. Neste senso, destacou que o Goberno galego destina este ano 55.000 euros a apoiar a actividade da Federación Galega de Teatro Afeccionado, que inclúe 88 funcións por toda Galicia e a celebración do Festival Agustín Magán, que se desenvolve ata o 27 de setembro entre o Teatro Principal e a Sala Magán do centro sociocultural de Santa Marta.

Cómpre lembrar que a Federación Galega de Teatro Afeccionado inclúe 57 agrupacións representativas das catro provincias e eríxese, a través do Circuíto Galego de Teatro Amador, nunha forma efectiva de achegar o teatro a todas aquelas vilas galegas que non poden contar cunha programación teatral.

Comparte