Nova: A Xunta segue a impulsar os servizos bibliotecarios en toda Galicia coa integración na Rede galega dun novo centro en Tomiño

17/09/2025
A Xunta segue a impulsar os servizos bibliotecarios en toda Galicia coa integración na Rede galega dun novo centro en Tomiño
Coa incorporación ao sistema, o Executivo galego garante o cumprimento das prestacións deste espazo para a veciñanza
Ademais, o Goberno autonómico colabora cunha achega de 30.000€ para sumar aos seus fondos unhas 1.500 publicacións
Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén o seu compromiso coa dinamización cultural nos municipios a través das entidades locais
Tomiño (Pontevedra), 17 de setembro 2025
A Xunta continúa a impulsar os servizos bibliotecarios en toda a Comunidade, nomeadamente no rural, coa incorporación na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia dun novo centro achega de 30.000€ para sumar aos seus fondos uns 1.500 libros.
Deste xeito, a colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude co espazo Isaura Gómez, que integra varios servizos municipais, entre eles a biblioteca, xestionada por unha empresa especializada, correspóndese co seu compromiso coa dinamización cultural e social dos concellos galegos en liña cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. Cómpre destacar neste senso que a implicación do Executivo autonómico coas entidades locais tamén se centra no impulso da lingua, de maneira que como mínimo o 30% das publicacións adquiridas con cargo a estas axudas deben ser en galego.
O Executivo autonómico incluíu este novo centro cultural na Rede de Bibliotecas de Galicia ao considerar que tanto as instalacións como o servizo prestado á sociedade cumpre con todos os requisitos. Así, entre as cuestións que foron valoradas está a implementación do sistema de xestión bibliotecaria que funciona no resto de centros da rede; os fondos bibliográficos, cunha colección á que se suma a achega da Xunta de Galicia, ou o equipamento das distintas áreas, tanto no que ten que ver co mobiliario como coa dotación tecnolóxica, favorecendo o acceso á cultura a todas as persoas.
Así mesmo, tamén se tivo en conta a organización por parte da entidade local de distintas actividades periódicas destinadas ao fomento da lectura e enfocadas en todos os públicos, impulsando a participación da veciñanza.
Todo isto, en consonancia co terceiro Mapa de Bibliotecas de Galicia que está a elaborar o Goberno galego con vistas a rematalo no 2026. Nel defínense os estándares para o correcto funcionamento deste tipo de espazos públicos segundo a súa tipoloxía, e que teñen que ver, entre outras cuestións, coas instalacións, os equipos técnicos, os fondos documentais, o persoal ou as horas de apertura.