Nova: A Xunta impulsa a difusión da arte contemporánea de creadores galegos a través do programa ‘Aberto 25’

16/09/2025

A Xunta impulsa a difusión da arte contemporánea de creadores galegos a través do programa ‘Aberto 25’

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación da iniciativa na que dez galerías galegas inaugurarán simultaneamente a súa tempada expositiva

Entre os días 18 e 20 de setembro exhibirán exposicións nas entidades situadas nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo

O Centro Galego de Arte Contemporánea colabora, por terceiro ano consecutivo, comprometéndose a mercar algunha das obras que forman parte das mostras

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a implicación da Xunta na promoción e difusión da cultura da  creación galega de arte contemporánea. Fíxoo na presentación do programa Aberto25, no que participan, nesta edición, dez galerías da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo, que abrirán a súa programación de outono de xeito simultáneo o vindeiro xoves, 18 de setembro.

“Este apoio é fundamental para que teña continuidade e poida medrar ano a ano”, valorou, na presentación desta programación no Centro Galego de Arte Contemporánea, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, quen lles agradeceu ás galerías a súa contribución no impulso dos traballos dos creadores galegos, a través dunha programación que permitirá que, do 18 ao 20 de setembro, se exhiban á vez dez exposicións de artistas noveles e consagrados.

Neste senso, Anxo M. Lorenzo reiterou o compromiso do Goberno galego coa actividade destas entidades, “ás que apoia de xeito constante” e apuntou como “claro exemplo” as axudas da Xunta para a participación de galerías de arte en feiras e certames fóra da Comunidade. Ao respecto, destacou que, con este fin, acábanse de conceder máis de 100.000 euros a 11 galerías de arte galegas, “catro máis que na anterior convocatoria”, celebrou. Deste xeito, salientou que se incentiva a actividade artística das entidades que traballan no sector “e que desempeñan un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura”.

Ademais, tamén puxo en valor o feito de que, por terceiro ano consecutivo, o Centro Galego de Arte Contemporánea colabora co esta iniciativa comprometéndose a mercar algunha das obras que forman parte das dez mostras para o seu fondo.

Dez exposicións á vez en cinco cidades

Organizado pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea, en Aberto25 participan en Santiago de Compostela a galería Trinta, que presentará en traballos de Alberto Ardid; a Luisa Pita, que acollerá a proposta Love is Pop, do artista Salustiano; pola súa parte, Dupla presentará obras de Samuel Salcedo e Sito Mújica en Cara a cara; mentres que Metro contará cunha mostra de Montse Rego baixo o título De hortalizas y panteras.

Na Coruña participan a galería Nordés, co traballo de Pablo Barreiro Un xesto anterior;  a Moret Art, que dará a coñecer as novas obras de Lino Lage en Falsos abstractos y un cuadro de Newton; e Vilaseco con pezas de Regina Giménez. Na cidade de Vigo forma parte da programación Aberto25 a galería PM8, que exporá a Martha Araújo; na cidade de Lugo, poderá verse en Néboa Entre as sombras voltarei acompañado, que recompila creacións de Vicente Blanco; mentres que na galería ourensá Marisa Miramón exhibiranse os lenzos de Jonathan Notario en Las maravillas del saber.

Comparte