Nova: O Centro Ramón Piñeiro está a desenvolver 20 proxectos de investigación

20/05/2015

O Centro Ramón Piñeiro está a desenvolver 20 proxectos de investigación

Nos seus 22 anos de existencia, pasaron polo centro 445 investigadores e investigadoras

  • Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro
  • Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro
  • Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro
  • Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro Román Rodríguez no Centro Ramón Piñeiro

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) para coñecer de primeira man os proxectos de investigación -20 en total, na actualidade- en materia de antropoloxía, en literatura e, nomeadamente, en lingua galega, que se están a desenvolver neste centro dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, cuxo titular, Valentín García, acompañouno no percorrido. 

Cómpre sinalar que o CRPIH foi creado pola Xunta de Galicia en virtude do Decreto 25/1993 do 11 de febreiro coa finalidade de impulsar a investigación da lingua galega e de completar, deste xeito, a que se viña facendo desde a Real Academia Galega e desde as tres universidades da nosa comunidade autónoma, nomeadamente a do Instituto da Lingua Galega. As súas áreas de pescuda fundacionais son lingua, literatura e antropoloxía, aínda que desenvolveu fundamentalmente as dúas primeiras.

O Piñeiro, referente internacional en investigación
Algúns dos seus proxectos converteron o Piñeiro -como familiarmente se coñece este centro de investigación nos medios académicos- nunha referencia internacional. Tal é o caso do Arquivo Galicia Medieval, con 5 bases de datos imprescindibles para quen queira achegarse ao estudo da nosa literatura antiga, ou o proxecto Literatura Infantil e Xuvenil, a partir do que naceu a Rede Ibérica de Literatura Infantil e Xuvenil. Este centro fixo posible ao longo dos seus 22 anos de andaina un total de 230 produtos científicos (9 recursos en liña de libre acceso, 106 libros e outras 106 publicacións que se poden consultar tanto en soporte papel coma na web).

Na área de lingua, o CRPIH creou ferramentas orientadas cara ás novas tecnoloxías que a sociedade utiliza amplamente sen coñecer a súa orixe. Así sucede, por exemplo, co tradutor ES/GL, de uso estendido na Administración autonómica e tamén accesible para toda a cidadanía, ou co sintetizador de voz CoToVía, produto de uso público que, ademais dunha magnífica execución fonética, conseguiu tamén unha boa realización prosódica mercé a un equipo multidisciplinar integrado por enxeñeiros superiores de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e lingüistas da de Santiago.

Tamén no seo do CRPIH desenvolve o seu labor o Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL), un proxecto no que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega para garantir a actualización léxica do galego e asegurar a viabilidade do seu uso en todas as áreas da vida pública.

20 proxectos en marcha
Actualmente, o Centro Ramón Piñeiro ten en marcha un total de 20 proxectos de investigación. Na área de lingua, avánzase no Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), no mencionado CoToVía, na Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) ou na liña de investigación de fraseoloxía galega.

Na área de literatura, hai proxectos orientados á literatura medieval, coma o xa sinalado Arquivo Galicia Medieval, e outros dirixidos ao estudo da literatura galega contemporánea, coma o de Bibliografía da literatura galega, o Dicionario xeral de termos literarios, os Informes de literatura, os proxectos de recuperación de narrativa, de poesía ou de revistas dos séculos XIX e XX ou os Cadernos Ramón Piñeiro. Ademais, prodúcense obras de filosofía, de socioloxía, de cine ou de ciencia política.

Formación investigadora
Unha faceta fundamental do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é a súa contribución á formación investigadora. Nestes 22 anos, pasaron polo CRPIH 445 investigadores/as diferentes: 308 bolseiros/as galegos/as que se formaron participando nos proxectos do Piñeiro e outros/as 137 bolseiros/as dos máis diversos países do mundo que estiveron un semestre desenvolvendo traballos de investigación propios asesorados polos directores de proxectos semellantes aos seus do centro de investigación que hoxe cumpre dúas décadas. Moitos destes bolseiros son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio e, dende os seus postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.

Máis información sobre o CRPIH e os proxectos que se desenvolven nel no web http://www.cirp.es.
 

Comparte