Nova: López Campos destaca o compromiso da Xunta na dinamización do rural a través da cultura

12/09/2025

López Campos destaca o compromiso da Xunta na dinamización do rural a través da cultura

O representante do Goberno Galego salienta o valor da programación e creación artística nestes territorios, ao abeiro da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia

Teo (A Coruña), 12 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe o “compromiso innegable” da Xunta coa dinamización do rural “impulsando que sexa viveiro creativo e non só receptor de programacións culturais”. Fíxoo na participación na inauguración, no Auditorio Constante Liste de Teo, da exposición do artista Rafael Romero Masía, fillo adoptivo deste concello coruñés en recoñecemento á súa contribución neste eido, e que poderá verse ata o 26 de setembro.

López Campos salientou a “orixinalidade” da obra de Romero Masía, profesor de debuxo artístico na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, e que conta con prestixiosos premios e ten exposto dentro e fóra de Galicia. Neste senso, considerou que a decisión de levar a súa mostra a este espazo “demostra que comparte o valor dinamizador da cultura nas pequenas poboacións e tamén da necesidade de garantir que teñan un acceso universal á mesma”.

O representante do Goberno galego subliñou que nesta liña é na que se traballa ao abeiro da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que entrou en vigor a principios de ano, “e que está a demostrar a súa eficacia para descentralizar a programación e creación cultural por todo o territorio da Comunidade”, concluíu.

Comparte