Nova: A Xunta colabora un ano máis coa Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá do 22 ao 27 de setembro

12/09/2025

A Xunta colabora un ano máis coa Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá do 22 ao 27 de setembro

O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron hoxe na presentación do evento que organiza o Grupo Cinematográfico Fonmiñá

A sede da Delegación Territorial e a Biblioteca Provincial acollerán a proxección de 25 películas, unha exposición en homenaxe á radio e outra sobre o cartel anunciador

Lugo, 12 de setembro de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa XLVII Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá entre os días 22 e 27 de setembro. O Grupo Cinematográfico Fonmiñá presentou hoxe un completo cartel que suma arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en cinco sedes, entre elas a Delegación Territorial da Xunta na cidade e a Biblioteca Pública xestionada pola Xunta.

No acto participaron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que gabaron o traballo realizado polo equipo de Fonmiñá, con Xulio Xiz á cabeza, para seleccionar e programar obras de calidade, moitas das cales nunca chegarían ao público lucense polos circuítos comerciais habituais.

Ao respecto, destacaron que o salón de actos da Delegación Territorial acollerá o ciclo de Cine galego, con trece obras realizadas nos anos 2024 e 2025 que amosan o gran momento que atravesa o audiovisual en Galicia. Nesta liña, lembraron que a Xunta apoia ao sector con axudas para a produción e difusión ou mesmo para atraer rodaxes á Comunidade.

A sede do Edificio Administrativo será tamén o escenario do ciclo de Cine de Nadal en homenaxe ao Belén de Begonte, mentres que na Biblioteca Pública Provincial desenvolveranse o ciclo de Cine español inédito e a homenaxe aos 90 anos de radio en Lugo, ademais de recuperar a exposición sobre o cartel da presente edición.

Esta mostra recolle tanto o resultado final como os quince deseños previos elaborados polo artista Primitivo Marcos para lembrar os 100 anos da estrea da mítica película La quimera del oro, de Charles Chaplin. Fonmiñá sorteará seis dos bocetos entre os asistentes ás proxeccións da sección oficial. 

A Semana de Cine tamén servirá para homenaxear á actriz galega María Vázquez e a   Enrique Muiño -“O gaucho galego”-, que terán a súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez.

O programa complétase con outras actividades como unha mesa redonda sobre o alzhéimer, unha exposición sobre a Muralla de Lugo, un concurso de escaparates ou cine na sede de Aspnais e nos centros penitenciarios de Bonxe, Teixeiro e Monterroso en colaboración coa Asociación Concepción Arenal.

Comparte