Nova: A Xunta convida o domingo a unha visita ao Castro de Viladonga para achegar os resultados da última campaña arqueolóxica

12/09/2025
A Xunta convida o domingo a unha visita ao Castro de Viladonga para achegar os resultados da última campaña arqueolóxica
Lugo, 12 de setembro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude organiza este domingo, a partir das 12:00 horas, unha visita guiada ao castro de Viladonga -en Castro de Rei- para presentar á cidadanía os achados e as conclusións recabadas nos traballos arqueolóxicos realizados este ano; a participación é gratuíta e non require inscrición previa.
A presente campaña centrouse nunha das vivendas, recuperando distintos materiais entre os que destaca unha moeda romana da caetra, a primeira que se localiza no xacemento e que vén a reforzar a teoría de que a súa relación coa cidade de Lucus Augusti comezou nunha época moi temperá.
O Museo do castro de Viladonga organiza tamén o obradoiro “Do orixinal á réplica", que impartirá Sandra Obarrio, da Fundación Terra Termarum, o día 20 de setembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas. Ofrécense 15 prazas, que se outorgarán por orde de inscrición. As persoas interesadas deben anotarse a través do número de teléfono 982 870 160.