Nova: Máis de 40 artistas e profesionais da xestión cultural danse cita na illa de San Simón para o peche das novenas ’residencias paraíso’ co apoio da xunta

13/09/2025
Máis de 40 artistas e profesionais da xestión cultural danse cita na illa de San Simón para o peche das novenas ’residencias paraíso’ co apoio da xunta
O obxectivo é compartir os procesos creativos desenvolvidos este ano arredor dos proxectos seleccionados para as estadías, que nesta edición se ampliaron con outras tres na propia illa redondelá
Redondela (Pontevedra), 13 de xuño de 2025.- Máis de 40 artistas e profesionais da xestión cultural de dentro e fóra de Galicia están a participar esta fin de semana na illa de San Simón no encontro anual co que se pecha cada edición das Residencias Paraíso, o programa de estadías artísticas organizado polo Colectivo RPM co financiamento da Xunta de Galicia.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu hoxe á segunda destas tres xornadas, organizadas para compartir os procesos artísticos desenvolvidos este ano arredor dos oito proxectos seleccionados para a novena edición das residencias, ás que nesta ocasión se sumaron outras tres na propia illa de San Simón.
Ademais do apoio económico, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén colabora con esta iniciativa a través da cesión do Salón Teatro e da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, como dúas das sedes destas estadías, no marco das que o pasado mes de xuño acolleron, respectivamente, a Euyín Eugene co proxecto Tuerce e a Isabel do Diego con Brutalismo.
As outras residencias foron as de Isolda Comesaña con Sagrado Corazón na Capela do Pilar de Corcubión, Suevia Rojo co Incorpórea no Vello Cárcere de Lugo, Rocío Bello e Javier Hernando con Ensayo tamén no Vello Cárcere e no Pazo da Cultura de Narón, Antón Yanguas con Open Call na Casa da Cultura de Vimianzo, Natalia Fernandes e Marta Azparran con Cerrados y dormidos los ojos bailan na Igrexa da Madalena de Ribadavia e Bal Castro con Instinto desexo no Pazo da Cultura de Carballo, así como as tres desenvolvidas en San Simón: Daniel Lezso con Meu rei, Alba Casas e Adrian Riveiro con Lobes salvaxes e Blanca Tolsá con Parafonías.
Impulsar a creación contemporánea
O programa Residencias Paraíso botou a andar en 2017 co fin de impulsar a investigación e a creación na danza e as artes vivas. Desde entón, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantense como principal entidade colaboradora desta iniciativa do Colectivo RPM, que conta tamén coa implicación das entidades xestoras dos espazos cos que configura esta rede de apoio á creación artística.