Nova: A Xunta conclúe os traballos de investigación nas Mámoas das Xunqueiras en Vigo

12/09/2025

A Xunta conclúe os traballos de investigación nas Mámoas das Xunqueiras en Vigo

Os traballos realízanse ao abeiro dun convenio entre a Xunta e a Universidade de Vigo por valor de 30.000€

Trátase dunha das 20 iniciativas que se levan a cabo na provincia de Pontevedra no marco do Plan de actuacións en arqueolóxicos do Goberno galego

López Campos resalta “a importancia de seguir investigando e descubrindo o patrimonio máis senlleiro, cun plan que cada ano abrangue máis xacementos”

Vigo, 12 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia conclúe hoxe os traballos de investigación que impulsa, en colaboración coa Universidade de Vigo, nas Mámoas das Xunqueiras. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita na que destacou “a importancia de seguir investigando e descubrindo o noso patrimonio más senlleiro para poñelo en valor e saber máis sobre a nosa cultura”.

Así, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola vicerreitora de Extensión Universitaria da institución académica viguesa, Susana Reboreda, lembrou que a intervención nesta necrópole megalítica conta cunha achega de 30.000€ e encádrase no Plan de actuacións arqueolóxicas que cada ano pon en marcha a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude “para a conservación, mantemento, estudo e difusión dos xacementos estendidos por toda a Comunidade, e que cada vez abrangue máis enclaves históricos”, apuntou.

Neste senso, tal e como explicou o conselleiro, este conxunto, localizado no Campus das Lagoas-Marcosende, nunca antes fora obxecto dunha intervención arqueolóxica, se ben sobre dúas das catro mámoas que o conforman a Universidade de Vigo realizou no ano 2011 unha prospección con xeorradar, que permite analizar o subsolo sen realizar remocións de terras. Así, desta vez, as escavacións centráronse na mámoa 2, cun proxecto que inclúe o estudo dos materiais arqueolóxicos e o seu tratamento, a identificación de rochas e da arte megalítica, e a diagnose de conservación e dos procesos de alteración das estruturas exhumadas. As tarefas completaranse coa elaboración dunha memoria e un rexistro fotográfico, para posteriormente volver cubrir o espazo para a súa protección.

Todo isto, puntualizou López Campos, “co obxectivo de afondar no coñecemento deste conxunto e caracterizalo de cara a súa futura posta en valor, máis cando se atopa precisamente nunha contorna vencellada ao saber e á aprendizaxe”, en referencia á pertenza dos terreos ao campus universitario. É por iso que un dos propósitos tamén reside en contribuír a integrar o espazo nesta área estudantil para o seu aproveitamento social e cultural.

Nesta liña, aproveitou a visita para gabar o “importante labor que se leva a cabo desde as universidades para este tipo de accións”, en referencia aos equipos vencellados ás institucións académicas que, como é este caso, son os encargados de desenvolver as tarefas en varios xacementos e cos que “o Goberno galego, como non podía ser doutra forma, mantén unha estreita colaboración”.

Cómpre lembrar que este proxecto que agora remata, tras as escavacións iniciadas o 25 de agosto, forma parte da vintena de actuacións que se desenvolven na planificación da Xunta deste ano para actuar en xacementos da provincia de Pontevedra, cun investimento total de preto de 500.000€.

Comparte