Nova: A Xunta ofrece este sábado unha visita comentada ao xacemento de Penas do Castelo, na Pobra de Brollón

11/09/2025

A Xunta ofrece este sábado unha visita comentada ao xacemento de Penas do Castelo, na Pobra de Brollón

Os técnicos explicarán os achados das actuacións arqueolóxicas realizadas nos últimos cinco anos, nas que o Goberno galego leva investidos máis de 86.000 euros

Lugo, 11 de setembro de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece este sábado, día 13, unha visita comentada ao xacemento de Penas do Castelo, na Pobra de Brollón, que partirá ás 11:00 horas diante do local multiusos de Salcedo; a participación é gratuíta e non require inscrición previa.

Os arqueólogos informarán sobre os achados e as conclusións extraídas nas cinco campañas arqueolóxicas levadas a cabo desde o ano 2021, a última este mesmo verán, que modificaron completamente a visión que se tiña sobre este lugar, considerado tradicionalmente de época medieval e que en realidade estivo ocupado desde o século IX antes de Cristo. A Xunta leva investidos máis de 86.000 euros nestas actuacións.

Os traballos das últimas semanas centráronse na restauración e acondicionamento da muralla do xacemento para reforzar a súa estabilidade e facilitar a súa comprensión. Ademais, a sondaxe realizada no interior permitiu recuperar un centenar de pezas, maioritariamente fragmentos cerámicos e restos de pallabarro. Estes materiais reforzan a hipótese de que o asentamento contou con estruturas destinadas ao almacenamento de alimentos e posiblemente tamén a actividades metalúrxicas.

Os resultados desta campaña confirman unha vez máis a relevancia histórica de Penas do Castelo, habitado durante a Idade do Ferro e que presenta unhas magníficas defensas. A muralla que defendía o lugar destaca pola súa monumentalidade, cunha anchura duns 6 metros e unha altura conservada duns 4 metros, construída coa técnica da “pedra seca”, sen ningún tipo de argamasa.

Comparte