Nova: A Xunta de Galicia patrocina o desembarco de Sarabela no Teatro de la Abadía de Madrid co espectáculo ‘O dragón de ouro’

10/09/2025
A Xunta de Galicia patrocina o desembarco de Sarabela no Teatro de la Abadía de Madrid co espectáculo ‘O dragón de ouro’
A produción, que estará en cartel do 11 ao 28 de setembro, representarase en castelán e ofrecerá tamén un pase en galego o día 12, ademais dun encontro co público o 17
Madrid, 9 de setembro de 2025
Sarabela Teatro desembarca este mes en Madrid para ofrecer 16 representacións do seu espectáculo O dragón de ouro no Teatro de la Abadía, onde poderá verse do 11 ao 28 de setembro. Esta estadía na Sala Juan de la Cruz do emblemático espazo escénico madrileño conta co patrocinio da Xunta de Galicia, que apoia así mesmo o pase do espectáculo na súa versión orixinal en galego, con sobretítulos en castelán, o día 12 nese mesmo escenario.
No resto das funcións, a compañía ourensá representará en castelán a súa adaptación da obra do alemán Roland Schimmelpfennig, o autor vivo máis escenificado do seu país, baixo a dirección de Ánxeles Cuña e con tradución de Albert Tola. Ademais, o equipo manterá un coloquio co público que acuda á función do día 17.
Así se explicou esta tarde na rolda de prensa que tivo lugar en Madrid para presentar o espectáculo e na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto ao director do Teatro de la Abadía, Juan Mayorga, o dramaturgo Roland Schimmelpfennig, o equipo de Sarabela e os responsables doutras entidades colaboradoras.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude expresou o seu agradecemento ao Teatro de la Abadía por incluír esta produción galega na súa carteleira e, especialmente, por “programar un pase especial en galego”, no que a montaxe se amosará na súa concepción orixinal, que lle valeu este mesmo ano catro premios María Casares á mellor tradución/adaptación, iluminación, espazo escénico e actriz secundaria para Sabela Gago.
Máis de 40 anos de historia
Sutil fixo fincapé tamén na traxectoria de máis de 40 anos de Sarabela Teatro, á que a Xunta vén apoiando desde hai décadas no seu proceso de profesionalización, consolidación e proxección exterior. Dela destacou, entre outros méritos, que “atesoura un dos repertorios máis variados de Galicia, é multipremiada en todas as súas facetas, se erixe como impulsora de festivais e programas de mediación e se compromete socialmente na selección dos seus proxectos”.
Neste sentido, púxoa como exemplo da variedade e calidade da actual produción escénica galega, así como do talento dos profesionais que a fan posible. “Desde a Xunta de Galicia celebramos e reivindicamos todo o moito e bo que o noso teatro pode ofrecer”, continuou.
O espectáculo O dragón de ouro, que foi producido cunha das subvencións autonómicas á creación escénica, chega a Madrid despois de ter sido representado por toda Galicia desde a súa estrea no Teatro Principal de Ourense en febreiro de 2024.
Cinco intérpretes para 17 personaxes
Cunha innovadora posta en escena e unha potente narrativa, Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu interpretan 17 personaxes a un ritmo trepidante nesta fábula que cuestiona a deshumanización.
A obra preséntase como unha “traxedia contemporánea performática con elementos grotescos”, que aborda temas como a emigración ilegal, a explotación laboral dos “sen papeis” e o desexo de cambiar as condicións de vida. A posta en escena mestura performance e comedia cun estilo narrativo cinematográfico, polos seus cortes rápidos e fundidos cruzados.
A trama desenvólvese cando unha noite, nun edificio de varios pisos nun lugar de Europa, un mozo chinés sofre unha forte dor de moas na cociña do restaurante de comida rápida O Dragón de Ouro. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa á súa irmá desaparecida... A partir desa escena, a peza transita polos distintos andares do edificio e das historias dos personaxes que o habitan.