Nova: López Campos destaca a posta en valor do mundo rural e os oficios tradicionais na Feira dos Remedios de Ponteareas

06/09/2025

López Campos destaca a posta en valor do mundo rural e os oficios tradicionais na Feira dos Remedios de Ponteareas

A localidade celebra a décimo sétima edición desta cita, recentemente declarada Festa de Interese de Galicia, a través da recreación da vida cotiá na primeira metade do século XX

O representante de Cultura do Goberno galego reafirma que “estas festas son un auténtico símbolo de convivencia e diversidade cultural que constitúen o selo Galicia Calidade do que nos sentimos orgullos”

Ponteareas (Pontevedra), 6 de setembro de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na inauguración da Feira dos Remedios en Ponteareas, a primeira edición que se celebra como Festa de Interese Turístico Galego, e na que remarcou que este recoñecemento “pon en valor unha manifestación profundamente enraizada na identidade do rural galego”.

A través da recreación da vida cotiá na primeira metade do século XX, López Campos define a Feira como “un espazo que mestura tradición e modernidade, e no que conviven a cultura, a gastronomía e, sobre todo, o espírito de comunidade que tanto nos define aos galegos e galegas”. Neste senso, celebrou que a cita sexa xa “unha das propostas do verán para que veciños e visitantes se encontren”.

“Estas festas son, xa que logo, un auténtico símbolo de convivencia e diversidade cultural que constitúen o selo Galicia Calidade do que nos sentimos orgullosos”, reafirmou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, antes de engadir que celebracións como esta forman parte da programación Para gustos, cultura, que o Goberno galego impulsou este verán con 3.400 actividades en máis de 200 concellos.

Pola súa parte, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, tamén visitou a feira que, por terceira edición consecutiva, conta co apoio da Fundación Artesanía de Galicia a través dunha feira de artesanía —en colaboración coa Asociación Galega de Artesáns (AGA)— na que participarán 10 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia. Tamén haberá diversos talleres gratuítos para todos os públicos dispoñibles durante toda a fin de semana. En concreto, de pintura sobre madeira e sobre tea, de demostración de talla de culleres de madeira, de elaboración de aneis con técnicas de bixutería, de estampaxe Hapa Zome sobre mochilas de tea e de demostración de torno cerámico.

A veciñanza e visitantes poderán, ademais, gozar de forma gratuíta de diferentes catas e degustacións de produtos agroalimentarios amparados por selos de calidade, grazas á iniciativa Experiencias de calidade da Consellería do Medio Rural.

Comparte