Nova: O director xeral de Cultura asiste ao concerto de clausura da exposición ‘Rafael Úbeda. Visión retrospectiva’ no Museo Centro Gaiás

06/09/2025
O director xeral de Cultura asiste ao concerto de clausura da exposición ‘Rafael Úbeda. Visión retrospectiva’ no Museo Centro Gaiás
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu esta mañá ao concerto de clausura da exposición Rafael Úbeda. Visión retrospectiva no Museo Centro Gaiás. A actuación, que estivo a cargo do ensemble da Fundación Rogelio Groba, celebrou o papel protagonista da música no universo creativo do pintor. No concerto interpretáronse obras do compositor ruso Dmitri Shostakóvich, un dos compositores que máis ten inspirado a Úbeda; pezas de Rogelio Groba, relevante compositor galego do último século e amigo persoal do artista; así como composicións de Mozart ou Schubert.
A exposición Rafael Úbeda. Visión retrospectiva despídese este domingo da Cidade da Cultura logo de recibir preto de 20.000 visitas desde a súa inauguración no mes de abril. Comisariada por Pilar Corredoira, a retrospectiva, incluída na programación de verán Para gustos, cultura, rende homenaxe a unha figura indispensable da pintura galega e permite comprender a obra dun pintor que, aos 93 anos, segue en activo. Afondar na vida e traxectoria do artista pontevedrés tamén é posible da man do equipo de mediación e atención ao público da Cidade da Cultura, que oferta unha última visita comentada o último día da mostra, 7 de setembro, ás 12,00 horas, con reserva de balde a través da web.