Nova: A Xunta erixe o xacemento romano Aquis Querquennis como referente do potencial do patrimonio no turismo cultural de Galicia

06/09/2025

A Xunta erixe o xacemento romano Aquis Querquennis como referente do potencial do patrimonio no turismo cultural de Galicia

López Campos salienta o “apoio incondicional” do Goberno galego na recuperación, conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural

A Administración autonómica colabora coa exposición conmemorativa na que se repasan as cinco décadas de traballos arqueolóxicos

O representante do Goberno galego pon en valor a relevancia deste campamento no contexto da investigación patrimonial en Europa

Bande (Ourense), 6 de setembro de 2025

 O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, erixiu hoxe o xacemento romano Aquis Querquennis, no municipio ourensán de Bande, como “referente do potencial que ten o patrimonio histórico no turismo cultural de Galicia”. Fíxoo durante a súa participación nos actos centrais de celebración dos 50 anos do inicio destas escavacións arqueolóxicas, situadas no lugar de Baños.

O representante da Xunta lembrou que estes traballos se iniciaron en 1975 da man do profesor e arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero “e, desde entón, este enclave consolidou o seu papel como recurso patrimonial, cultural, didáctico e turístico”, subliñou en referencia a que este Ben de Interese Cultural recibe cada ano unha media de 30.000 visitantes.

Neste senso, López Campos fixo fincapé no “apoio incondicional” do Goberno galego ao longo de todos estes anos nos traballos arqueolóxicos de recuperación e conservación e tamén de posta en valor e divulgación do xacemento, “tal e como demostra a colaboración que mantemos coa Fundación Aquae Querquennae-Vía Nova para promover a realización de actividades para a súa promoción”, argumentou.

Precisamente, destacou que para a celebración do medio século de inicio destas escavacións a Xunta colabora con preto de 8.500€ coa exposición conmemorativa dos 50 anos, na que se fai un  percorrido polos traballos arqueolóxicos “co obxectivo de achegar a cidadanía ao valor dos logros acadados, aos avances no coñecemento do mundo romano en Galicia e á relevancia que ten este xacemento no contexto da investigación patrimonial en Europa”.

Plan de actuacións arqueolóxicas 2025

Finalmente, o conselleiro encadrou este apoio dentro do “total compromiso” do Goberno galego non só coa recuperación e conservación de todos os bens patrimoniais do territorio da Comunidade, “senón tamén coa súa posta en valor e divulgación”. Ao respecto, puxo como exemplo desta implicación o Plan de actuacións arqueolóxicas deste ano “ao que destinamos 1,5 M€ para 81 accións en xacementos”.

O responsable de Patrimonio da Xunta explicou que se trata dunha “folla de ruta que durante os últimos anos propiciou a posta en valor do patrimonio máis senlleiro da Comunidade”, ao tempo que destacou que neste 2025 “aumentou de maneira considerable a partida reservada para arqueoloxía, acorde ao incremento do número lugares históricos e de actuacións destinadas ao acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación dos nosos bens culturais”, concluíu.

Comparte