Nova: ‘Camiño Escena Norte’ regresa a Galicia co apoio da Xunta para ofrecer 10 espectáculos noutras tantas localidades

05/09/2025
‘Camiño Escena Norte’ regresa a Galicia co apoio da Xunta para ofrecer 10 espectáculos noutras tantas localidades
A programación desenvolverase do 12 de setembro ao 26 de outubro en seis comunidades autónomas do norte peninsular coa participación de 18 compañías destes territorios
Arzúa, Carballo, Foz, Negreira, Lugo, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba e Vimianzo acollerán compañías de teatro, circo e danza chegadas de Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e A Rioxa
Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025
A Xunta volve colaborar economicamente co programa Camiño Escena Norte no seu regreso a Galicia, por sétimo ano, para ofrecer 10 espectáculos noutras tantas localidades baixo o lema Sementar, coidar e xermolar. A súa programación de teatro, danza e circo desenvolverase do 12 de setembro ao 26 de outubro, de xeito simultáneo en Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e, como nova incorporación en 2025, A Rioxa.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación que, como en anos anteriores, tivo lugar na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, meta da ruta de peregrinación que serve de inspiración e fío condutor para esta iniciativa de intercambio escénico. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu na posta en valor do Camiño do Norte e na dinamización das localidades polas que discorre a través de iniciativas que, como esta, levan as artes escénicas máis alá dos grandes núcleos urbanos.
Sétima edición
Así, nesta sétima edición, as sedes galegas de Camiño Escena Norte son Arzúa, Carballo, Foz, Lugo, Outes, Ribadeo, Santiago de Compostela, Vilalba, Vimianzo e Negreira, que se estrea no programa. Nestas localidades actuarán La Roca Producciones e Zigzag Danza, procedentes de Asturias; El Tejo Producciones, de Cantabria; NiMú, do País Vasco; Led Silhouette, de Navarra, e El Perro Azul, da Rioxa.
Interviñeron tamén neste acto Patricia de Lorenzo, presidenta da asociación de produtoras Escena Galega, que promove esta iniciativa xunto coas entidades homólogas das outras cinco comunidades, e Gabriela González, directora de Comunicación e Responsabilidade Corporativa de Vegalsa-Eroski, empresa patrocinadora, a quen o representante de Industrias Culturais lles agradeceu o seu traballo e implicación nun programa que, segundo sinalou, “é todo un exemplo á hora de tecer e manter redes interautonómicas de diálogo, intercambio e colaboración cultural coa implicación tanto das administracións públicas como da iniciativa privada”.
Actuación de Paula Quintas Cía
Ao tempo que Galicia recibe espectáculos do resto das comunidades participantes, as artes escénicas galegas viaxarán fóra da man do Grupo Chévere, con Helen Keller, a muller marabilla?; Pérez & Fernández, con Nanai da China, e Paula Quintas Cía., con Multiperspectivas#3, espectáculo este último do que hoxe se ofreceu un fragmento na praza do Obradoiro.
Sutil subliñou precisamente a oportunidade que Camiño Escena Norte lles ofrece ás nosas compañías para a súa proxección exterior, ao tempo que valorou o acceso do público a propostas doutros panoramas escénicos, o intercambio profesional ou o compoñente formativo.
En total, esta programación itinerante levará 18 espectáculos polas 60 sedes que forman parte do seu circuíto de exhibición polo norte peninsular, denominado Itinerario Constelacións e no que se aposta pola diversidade de linguaxes, estéticas e formatos, tanto para o público infantil e adolescente como para o adulto.
Como complemento, o programa Camiño Expandido abrangue toda a actividade fóra do circuíto de funcións, con diferentes accións de promoción do sector, de encontro profesional e de colaboración con distintos proxectos culturais dos territorios, como é o caso do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, ademais de talleres, coloquios e encontros co público.