Nova: A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición Unha noite reveleada, La Casa de la Troya 1925-2025

03/09/2025

A Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición Unha noite reveleada, La Casa de la Troya 1925-2025

A mostra conmemora o centenario da primeira adaptación cinematográfica da novela de Alejandro Pérez Lugín

Poderase visitar nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro ata o 28 de setembro

Madrid, 3 de setembro de 2025

A Casa de Galicia en Madrid inaugurou esta tarde a exposición Unha noite revelada. La Casa de la Troya 1925-2025, unha mostra que conmemora o centenario da primeira adaptación cinematográfica da novela de Alejandro Pérez Lugín. Esta obra literaria supuxo un dos grandes fitos da literatura galega de comezos do século XX.

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presidiu o acto. Durante a súa intervención lembrou que “estamos ante unha das primeiras producións do audiovisual galego, un sector ao que na Xunta de Galicia lle damos a importancia que ten e do que nos sentimos profundamente orgullosos”. Tamén fixo referencia á recente preselección de Sirât e Romería para os Oscars “son dúas películas que levan marca Galicia: a primeira do director galego Oliver Laxe e a segunda foi gravada en Galicia”.

A mostra reúne fotografías, carteis, documentos e materiais orixinais que permiten coñecer a pegada que deixou La Casa de la Troya na cultura popular, así como a súa influencia na historia do cinema español. Ademais de celebrar os cen anos da súa primeira versión cinematográfica, pon en valor o papel desta obra na proxección exterior da imaxe de Santiago de Compostela e de Galicia como escenario literario e audiovisual.

Na actualidade, o sector audiovisual galego está a vivir un dos seus mellores momentos. No ano 2024 filmáronse en Galicia doce longametraxes e series, dirixidas por recoñecidos realizadores de dentro e fóra da nosa comunidade, que contaron cun apoio de 3 M€ por parte do Goberno galego.

Sobre isto tamén falou Ramos, que salientou a importante industria audiovisual coa que conta Galicia: “Cada vez máis produtoras elixen Galicia, polos nosos profesionais e polo apoio que a Xunta de Galicia ofrece a este sector”. Para o ano 2025, o executivo galego conta cunha dotación de 6 M€, repartidos en nove liñas de axuda.

A exposición Unha noite revelada. La Casa de la Troya 1925-2025 poderá visitarse ata o 28 de setembro nas salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro da Casa de Galicia en Madrid, en horario de luns a venres, de 10:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h., e os domingos de 10:00 a 14:00 h.

Comparte