Nova: A Xunta aposta por un ocio familiar de calidade con máis de medio centenar de artistas nacionais e internacionais en Cidade Imaxinaria

04/09/2025

A Xunta aposta por un ocio familiar de calidade con máis de medio centenar de artistas nacionais e internacionais en Cidade Imaxinaria

O festival ofrece cinco horas ininterrompidas de diversión con 14 compañías, moitas delas premiadas en recoñecidos festivais de todo o mundo

Un caracol xigante, músicos extraterrestres, seres que se iluminan no solpor ou unha furgoneta convertida en pista de acrobacias son algunhas das propostas que aterrarán este sábado no Gaiás

O evento terá lugar na Cidade da Cultura o sábado 6 de setembro, desde as 17,00 horas ata as 22,00 horas, con entrada libre e de balde

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2025

A Xunta aposta por un ocio familiar de calidade en Cidade Imaxinaria con máis de medio centenar de artistas e 14 compañías galegas, nacionais e internacionais, moitas delas recoñecidas en festivais ao redor do mundo. A cita terá lugar na Cidade da Cultura o vindeiro sábado 6 de setembro, desde as 17,00 horas ata as 22,00 horas, con entrada libre e de balde.

Un caracol xigante, músicos extraterrestres, seres que se iluminan no solpor ou unha furgoneta convertida en pista de acrobacias son algunhas das propostas que aterrarán no Gaiás este sábado. Unha actividade feita para que maiores e pequenos gocen de propostas culturais atractivas que tamén fomentan a reflexión en torno ao coidado da natureza ou a importancia da colectividade.

Cidade Imaxinaria aglutina tres espectáculos de pista que recibiron recoñecementos en distintos países. Time to loop, de Dúo Kaos, é un xogo de equilibrios que se exhibiu en lugares como México, Dinamarca ou Costa Rica. A maxia de Gota, de Txema Muñoz, foi distinguida na Mostra de Igualada e en Umore Azoka Leioa. As acrobacias de Tartana, de Trocos Lucos, recibiron o Premio Festival Teatro de Murcia ou do Festival Saltimbaqui de Utrera, entre outros.

Cinco horas de diversión ininterrompida

Ademais dos espectáculos de pista, as rúas do Gaiás acollerán ao longo da tarde comparsas para sorprender a todas as persoas que se adentren en Cidade Imaxinaria. Este ano, como novidade, haberá un espectáculo ao caer a noite con seres fantásticos que se iluminan e transforman o cotián en momentos cheos de humor, tenrura e encanto visual.

 

A cativada tamén poderá gozar de diferentes xogos e actividades participativas como crear un mural colaborativo antipolución con pinturas fotocatalíticas que depuran o aire; redescubrir xogos tradicionais como tiracoios, zancos ou aros, ou indagar nas súas habilidades circenses da man dunha escoliña de circo. A programación completa pode consultarse en cidadedacultura.gal

Comparte