Nova: A Xunta destina máis de 222,000€ para o estudo da cultura, lingua e literatura galegas nas universidades de Alacante, Berlín, Minho e Salamanca

01/09/2025
A Xunta destina máis de 222,000€ para o estudo da cultura, lingua e literatura galegas nas universidades de Alacante, Berlín, Minho e Salamanca
- O Consello dá luz verde aos convenios, que se encadran na estratexia da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para fornecer a proxección exterior do galego
- Este apoio económico posibilita tamén a contratación dunha persoa lectora en cada unha delas e o desenvolvemento de cursos, conferencias, seminarios ou congresos
- O Goberno autonómico mantén esta colaboración coas catro institucións académicas desde hai máis de 20 anos
O Goberno galego destinará máis de 222.000€ para continuar a fornecer a proxección exterior da cultura, lingua e literatura galegas promovendo o seu estudo nas universidades de Alacante, Berlín (Alemaña), Minho (Portugal) e Salamanca. Así se deu conta hoxe no Consello da Xunta, no que se autorizou a sinatura destes convenios, de catro anos de duración, entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e estas catro institucións académicas.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude mantén esta colaboración coas catro universidades desde hai máis de 20 anos anos co obxecto de impulsar a docencia, a investigación e a promoción da lingua, literatura e cultura galegas tanto no ámbito universitario como na súa área de influencia.
Así, para esta promoción exterior do galego, as achegas económicas da Xunta teñen como obxecto que estas institucións académicas integren as ensinanzas de lingua, literatura e cultura galegas nos seus plans de estudo. De igual xeito, garante que se dote dunha persoa lectora en cada unha delas e que se desenvolvan cursos, conferencias, seminarios, congresos, mesas redondas ou exposicións. Súmanse a estas accións a adquisición de material bibliográfico, fonográfico, videográfico ou informático necesarios para estas ensinanzas.
No caso da colaboración coa Universidade de Alacante, iniciada en 1995, a Xunta destinará a este fin un total de 73.500 euros para os vindeiros catro anos, 15.037,52€ máis que na anterior sinatura. Con respecto á de Berlín, coa que colaboramos desde 1994, serán 12.000 para o mesmo período de tempo. Para o convenio coa Universidade do Minho, levado a cabo desde 1997, destinarase preto de 64.000 euros para os anos comprendidos entre 2025 e 2028, ambos os dous incluídos. No caso da Universidade de Salamanca, coa que colaboramos desde o ano 1993, destinaranse nos próximos catro anos un total de 73.500 euros, aumentando 15.037,44 con respecto a sinatura do convenio anterior comprendido entre os anos 2022 e 2025.
Reforzo da estratexia de internacionalización da lingua e cultura galegas
A autorización destes convenios encádrase no traballo da Xunta de Galicia para impulsar e prestixiar o noso idioma en distintas partes do mundo. Trátase dunha estratexia que permite que, na actualidade, o galego sexa obxecto de estudo en 36 universidades nacionais e internacionais. A esta iniciativa súmase que o Goberno galego ten en marcha bolsas de formación nos lectores de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades do mundo.