Nova: A Xunta leva a Baiona a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras de verbena en Galicia

03/09/2025
A Xunta leva a Baiona a exposición de rúa ‘Botamos un baile?’ para pór en valor a historia das orquestras de verbena en Galicia
A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, inauguran esta exposición que poderá verse no Paseo de Pinzón ata o 29 de setembro
‘Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia’ enmárcase nas itinerancias da Cidade da Cultura, que nutren outros lugares da Comunidade de produtos culturais que se xestan no Gaiás
A mostra percorre a evolución da verbena galega ao longo dun século, amosando imaxes de programas de festas, fotografías e carteis de estilos moi diferentes
Baiona (Pontevedra), 3 de setembro de 2025
A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, inaugurou hoxe en Baiona, acompañada polo alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuíña, a mostra Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia, que contempla a evolución destas agrupacións desde principios do século XX ata a actualidade e que poderá verse no Paseo de Pinzón ata o vindeiro día 29 deste mes.
A exposición chega ao municipio pontevedrés, tras pasar por concellos como Ponteareas ou Ribadavia, como parte do programa de itinerancias do Gaiás que nutren de contido outros lugares da Comunidade.
Así, o proxecto, comisariado por Zósimo López e Henrique Neira, nace dunha mostra que acolleu a Biblioteca de Galicia en 2023 e fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado academicamente. Nel, saliéntase a verbena como parte esencial da identidade galega contemporánea.
O percorrido, a través de varios paneis, afonda na evolución das orquestras de verbena desde os anos 20-30 ata o 2020. Así, contempla dende as orixes destas agrupacións nas primeiras décadas do século XX a partir das bandas de música tradicionais, ata converterse en grandes espectáculos e mesmo chegando a reinventarse para captar á xuventude e adaptarse aos novos tempos.
Un século de orquestras de verbena en Galicia
Tres paneis e cinco bancos compoñen a mostra que amosa imaxes de programas de festas, fotografías e, sobre todo, carteis de estilos moi diferentes. A través destas pezas pódese apreciar a adaptación a cada época dun xeito de lecer arraigado en Galicia, cun tecido económico propio en constante desenvolvemento e innovación.
Desde a influencia da emigración galega nas bandas de música populares ata os grandes escenarios actuais, pasando polas influencias das orquestras en bandas contemporáneas, esta mostra de rúa achega ao público unha historia común da música en Galicia.