Nova: A Xunta impulsa unhas xornadas para divulgar os aspectos menos coñecidos da historia de Galicia

26/08/2025
A Xunta impulsa unhas xornadas para divulgar os aspectos menos coñecidos da historia de Galicia
Valentín García salienta a participación “dalgunha das voces máis importantes” nas áreas analizadas, como o músico Bieito Romero ou a arqueóloga Lidia Merenciano
O programa está composto por doce relatores, entre os que tamén se atopan os escritores Pedro Feijoo e Carmen Blanco ou a filóloga Merche Espiño, entre outros
A primeira edición desta cita premia polo seu labor e difusión o divulgador Manuel Gago e a Casa Museo de Cristóbal Colón, situada no municipio pontevedrés de Poio
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025
A Xunta impulsa a primeira edición das xornadas Compostela Histórica coas que, os días 26 e 27 de setembro en Santiago, se divulgarán os aspectos menos coñecidos da historia de Galicia, a través de conferencias impartidas por unha ducia de escritores, músicos, arqueólogos, historiadores e investigadores, entre os que se atopan Pedro Feijóo, Bieito Romero, Lidia Merenciano ou Cristian Gálvez.
“Coñecer mellor e con máis rigor de onde vimos sérvenos para ter claves que non só nos permitan entender o noso presente, senón como seguir mantendo e preservando a cultura e lingua propia do noso pobo”, salientou hoxe na presentación do programa o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen, por este motivo, puxo en valor que, aínda que a inscrición ás xornadas está aberta o público xeral, vai ter á comunidade educativa como principal destinataria.
Por estes motivos, xunto co departamento de Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, colaboran nesta actividade o Centro Autonómico de Formación e Innovación e o instituto Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Precisamente, neste centro é onde se desenvolverá a xornada de mañá do primeiro día, 26 de setembro, que estará dirixida exclusivamente para estudantes de secundaria, mentres que no resto da programación poderá participar o público xeral. Para iso, terá que inscribirse no portal www.compostelahistorica.org, mentres que os docentes deberán facelo a través da aplicación fprofe da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Doce relatores en dous días
Dirixidas polo novelista e profesor compostelán Rodrigo Costoya, Valentín García destacou que as xornadas Compostela histórica contarán “con algunha das voces máis importantes en varías áreas especializadas”. Así, apuntou a participación de relatores como Bieito Romero, fundador e líder de Luar na Lubre, para divulgar os seus coñecementos sobre a música celta ou de Merche Espiño, mestra e investigadora que afondará sobre a etapa persoal e creativa de Rosalía de Castro en Santiago.
Outra das conferencias correrá a cargo do escritor Pedro Feijoo. O autor de Os fillos do mar fará repaso falgúns dos episodios máis salientables de Galicia que adoita abordar tamén nas súas obras, mentres que a novelista Carmen Blanco dará a coñecer detalles descoñecidos sobre a Revolta Irmandiña.
Pola súa banda, Julio Rodríguez, presidente da Federación Española de Asociacións de Profesoras-es de Matemáticas, guiará o público no paseo Unha ollada matemática sobre os monumentos de Compostela; e Alejandro e Luís Paadín, autores da Guía dos viños de Galicia, percorrerán momentos imprescindibles da nosa historia a través da cultura do viño.
As xornadas tamén contarán coa presenza de Christian Gálvez, novelista e comunicador, quen se ten documentado sobre a vida dos apóstolos para abordarla con profundidade na súa última novela, Te he llamado por tu nombre. Completa as xornadas a conferencia de Lidia Merenciano, arqueóloga e divulgadora, quen descubrirá algún dos achados arqueolóxicos máis importantes dos últimos tempos, tal e como adoita a facer nas súas contas de redes sociais, seguidas por máis de medio millón de persoas.
Ademais, Fernando Patricio, escritor e presidente da Asociación Naufraxios galegos, ilustrará os principais accidentes mariños acontecidos na nosa Comunidade, mentres que Xosé Iglesias, mariñeiro, artista plástico e poeta, establecerá vencellos entre a súa poesía coa historia dos mariñeiros galegos. Por último, completará este programa, o escritor canario José Zoilo, autor da triloxía Las cenizas de Hispania, quen disertará sobre a caída da Gallaecia romana.
Premios
Finalmente, Compostela Histórica tamén outorgará un premio individual e outro a un colectivo como recoñecemento a unha traxectoria en prol da divulgación e defensa da historia e a cultura de Galicia. Nesta edición, a distinción persoal recae sobre o xornalista e divulgador Manuel Gago, mentres que ao dunha entidade será para pór en valor o traballo da Casa Museo de Cristóbal Colón, situada no municipio pontevedrés de Poio.